O comité de Povisa anuncia protestas se non hai avances na negociación do convenio
O comité de empresa do hospital Ribera Povisa de Vigo anunciou hoxe a súa intención de convocar mobilizacións no caso de que non se produzan avances na próxima xuntanza de negociación do convenio colectivo, prevista para o vindeiro xoves 3 de febreiro. Dende a representación sindical lembran que o cadro de persoal do centro médico privado leva 11 anos sen suba de soldos e co acordo laboral caducado a pesar do cambio de dirección.
Esta situación provocou numerosos conflitos coa anterior propiedade do hospital, “e os traballadores/as seguimos coa mesma situación laboral en precario dende que Ribera Salud adquiriu Povisa en 2019”. As posturas están aínda moi alonxadas a pesar de que transcorreu xa un ano dende que comezaron as conversas.
“Todo isto, sumado aos dous anos de pandemia, na que todo o persoal demostrou o seu compromiso, implicación e sacrificio, fai que sexa necesario que as nosas condicións laborais melloren”.
Por iso dende o comité de empresa de Povisa queren deixar moi claro que de non producirse avances na reunión prevista para o vindeiro xoves 3 de febreiro optarán por convocar un calendario de mobilizacións.