O comité de empresa de Losán convoca dúas novas mobilizacións en defensa do emprego e do futuro industrial
O comité de Industrias Losán acordou convocar dúas novas mobilizacións co obxectivo de reclamar unha solución urxente que garanta a continuidade industrial do grupo, a defensa dos postos de traballo e a asunción de responsabilidades por parte das administracións públicas implicadas.
Estas mobilizacións chegan nun contexto de extrema gravidade, marcado pola falta de avances reais, a persistente incerteza sobre o futuro das fábricas e a ausencia de compromisos firmes que permitan asegurar a viabilidade do proxecto industrial e o mantemento do emprego nunha comarca xa duramente castigada.
As concentracións convocadas son as seguintes:
- Xoves 5 de febreiro, ás 12:00 horas, diante da Delegación do Goberno en Galiza (Praza de Ourense, A Coruña).
- Xoves 12 de febreiro, ás 12:00 horas, no complexo administrativo da Xunta en San Caetano (rúa Anxo Casal, Santiago de Compostela).
O Comité de empresa fai un chamamento á participación do conxunto do persoal, das organizacións sociais e da veciñanza, para visibilizar un conflito “que non é só laboral, senón tamén industrial e territorial. Losán non é unha empresa calquera: representa centos de empregos directos e indirectos e recibiu importantes recursos públicos que deben estar vinculados, de maneira efectiva, á conservación da actividade produtiva e do emprego”.
A representación do persoal insiste en que non se pode normalizar nin prolongar esta situación de bloqueo e apela á responsabilidade das administracións “que teñen a obriga de actuar, de implicarse activamente e de esixir solucións empresariais reais que garantan un futuro estábel para as fábricas e para quen nelas traballa”.
O comité de empresa continuará impulsando cantas mobilizacións e iniciativas sexan necesarias até obter respostas claras e compromisos verificábeis.