O comité de FCC solidarízase coa loita do persoal da limpeza das dependencias municipais de Vigo
O comité de empresa de FCC, presidido pola CIG, solidarizouse hoxe coa loita das traballadoras/es da limpeza das dependencias municipais do Concello de Vigo despois de que estas/es denunciasen onte a vulneración do dereito de folga por parte do Goberno local e da concesionaria do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria. Ao mesmo tempo, unha representación do comité de folga mantivo este mediodía unha xuntanza co concelleiro responsábel despois das sancións impostas por Urbaser a varias empregadas/os por supostamente ter incumprido os servizos mínimos.
A representación sindical de FCC trasladoulles o seu apoio despois de que varios/as traballadores/as da recollida do lixo e limpeza viaria realizasen onte tarefas de limpeza no interior do consistorio escoltados/as pola Policía local, unha función que non lles compete. Segundo explica a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, o comité FCC xa lle esixiu a asunción de responsabilidades á empresa polo acontecido.
Na xuntanza co concelleiro celebrada este mediodía o comité de folga de Urbaser, concesionaria da limpeza das dependencias municipais, denunciou que xa chegaron 12 sancións a traballadoras/es que supoñen cinco días de suspensión de emprego e soldo para cada unha delas por supostamente non ter cumprido os servizos mínimos. “Dúas das afectadas son integrantes do comité de folga, polo que as sancións non teñen ningún sentido”, sinala Fernández.
A responsábel sindical lamentou tamén que Urbaser rexeitase a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais proposta pola parte social. “O concelleiro amosou a súa estrañeza cando llo comunicamos porque entende que é un erro, e asegurounos que se vai poñer en contacto coa compañía para forzar a que se sente a negociar para buscar unha solución ao conflito”.
O persoal da limpeza das dependencias municipais do Concello de Vigo iniciou unha folga indefinida o pasado luns 18 para denunciar os incumprimentos laborais da empresa e reclamar un convenio colectivo digno. As traballadoras/es están a desenvolver protestas diarias diante do Concello, e continuarán facéndoo mentres dure o conflito laboral.