O comité de Ence demanda unha mesa de traballo en busca dunha solución que garanta o emprego
O comité de empresa de Ence en Pontevedra compareceu hoxe en rolda de prensa para demandar a constitución dunha mesa de traballo na que estean representados os Gobernos español e galego, a dirección da compañía e o cadro de persoal co obxectivo de atopar unha solución definitiva que garanta o futuro de todos os postos de traballo.
A representación sindical explicou que está a manter unha serie de xuntanzas cos partidos políticos con representación nos Gobernos do Estado e da Xunta coa finalidade de “rematar coa incerteza na que vivimos os empregados/as de Ence e atopar unha solución definitiva que garanta os nosos postos de traballo”. De feito, este mesmo mes reuníronse co PSdeG e cos dous vicepresidentes do Goberno galego, Alfonso Rueda e Francisco Conde, mentres que tamén teñen solicitadas xuntanzas cos Ministerios de Industria e de Transición Ecolóxica.
Lembraron que a situación de incerteza ten que ver con que a concesión administrativa está xudicializada para dirimir até cando se prolonga, “pero saia ben ou mal o que está claro é que haberá recursos, o que prolongará a incerteza durante moito tempo máis”.
Ao mesmo tempo, sinalaron que se atopa en marcha a tramitación da Lei de Transición Ecolóxica, “e segundo a quen consultes dinche que se pode aplicar con carácter retroactivo ou non; o PSdeG e os nosos avogados sosteñen que non se pode aplicar con carácter retroactivo, mentres a Xunta e a propia empresa aseguran que si que nos vai afectar”.
Diante deste incerteza xurídica, o que reclaman das organizacións políticas que sosteñen os Gobernos estatal e autonómico é a creación dunha mesa de traballo para buscar unha solución que garanta o futuro de todos os postos de traballo, tanto en Ence como en todo o sector forestal galego.
Sen investimentos
Neste senso, lamentaron que a empresa lles teña confirmado que non farán investimentos en Pontevedra mentres a situación xurídica non se aclare. “Este recorte en investimentos e en mantemento vai provocar que a fábrica caia por inanición”, advertiron.
Finalmente, demandaron que todas as partes implicadas se senten na busca dunha solución, “porque non entendemos que a Xunta nos diga que non ten nada que facer e que dende o PSdeG nos trasladen que non poden facer nada mentres non haxa unha sentenza xudicial”. “O que queremos é que nos deixen traballar; pero se continúan sen investir e sen facer o mantemento da fábrica ao final imos ter que pechar porque non imos ser competitivos”.