O Comité de EMESA denuncia o descolgue “autoritario” e unilateral por parte da empresa do convenio colectivo propio
A patronal comunicou o Comité de Empresa que a partires de onte mesmo o Convenio Colectivo que rexía laboralmente na empresa decae e todos os traballadores e traballadoras pasan ao Convenio Colectivo de Siderometalurxía provincial, nunha decisión que cualifican de “autoritaria e individual”.
EMESA foi vendida por parte do Grupo Isolux Corsán ao Grupo Soil o pasado 28 outubro, informándose da operación ao Comité ao día seguinte mediante unha carta e cunha mera presentación dos novos propietarios. Nese momento, engade o órgano de representación, non houbo comunicación por parte do grupo Soil sobre intencións de cambiar as condicións laborais da empresa, e non foi até semanas despois “que os novos propietarios comunicaron que tiñan intención de abordar a reforma do Convenio, continuando coas negociacións que se iniciaran a principios de ano”.
Unha negociacións matiza o Comité, que se fixeron “por simple formalismo ante un ERTE que durou até xullo de 2015 e con bolsas de horas e sen traballo á vista dende esa data até final de ano”.
Durante as mesmas, o grupo Soil propuxo a eliminación das melloras sociais que o Convenio propio de EMESA recollía e non cedeu nesa ambición “dende o minuto un, apesares de que o Comité se mostrou aberto a conxelar parte desas condicións até finais de ano ou mesmo conxelar o Convenio Colectivo até 2017 e negociar un novo cando o grupo estivera xa asentado e a empresa coa nova propiedade empezara a funcionar”.
Porén, denuncian que a patronal en ningún intre entrou a negociar, limitándose a agardar a que o período de ultraactividade rematara este pasado día 20 para comunicar o descolgue o día 21, “aproveitando a reforma laboral e causando a discriminación que se dará entre uns traballadores/as e outros/as no futuro e a merma nos seus dereitos”.
A vista de esta forma de actuar, o Comité de Empresa quere amosar o seu malestar coa dirección do Grupo Soil pois “despois de ter comprado EMESA non entende que acto seguido e de forma autoritaria se descolgue do Convenio que tiñamos rachando as negociacións e tensando e deteriorando de forma innecesaria as relación laborais na empresa”, conclúen.