O comité de Einsa inicia un peche de 24 horas para esixir melloras salariais e sociais
O comité de Einsa Print acordou realizar este mércores un peche de 24 horas nas instalacións da fábrica no polígono de Penapurreira (As Pontes) como medida de presión ante a negativa da empresa a abrir un proceso de negociación coa representación social para recuperar os dereitos perdidos nos últimos anos.
O comité (6 CIG, 5 UGT, 2 CCOO) trasladoulle a finais do pasado mes unha proposta á dirección da empresa coa finalidade de mellorar as condicións salariais e sociais e recuperar así parte das condicións perdidas. Porén, nesa xuntanza a empresa negouse a abrir un proceso negociador que incluía incrementos económicos, polo que, en asemblea de traballadores/as se acordou levar adiante esta primeira medida de presión.
Neste senso, o comité lembra que no ano 2012 o conxunto dos traballadores e das traballadoras "fixo un gran esforzo asumindo reducións de salarios e perdas de condicións sociais a conta de garantir a continuidade da empresa". Agora, subliña Alberte Amado, delegado da sección sindical da CIG, xa é hora de recuperar os dereitos perdidos posto que "gran parte do persoal leva máis de oito anos cos soldos conxelados".
Garantías de inversións na planta
A suba que reivindica o persoal, explica Amado, é aproximadamente do 7% "o que nos permitiría recuperar parte do poder adquisitivo perdido neste tempo". A este respecto, puntualiza que esta suba non tería que ser inmediata, senón que o persoal estaría disposto a falar de prazos, contías, etc. para facilitar un acordo. "E aínda así, a dirección négase a falar de calquera incremento por enriba do establecido no convenio".
Xunto a isto, o comité demanda garantías de inversión e modernización da planta das Pontes para dotala de futuro "e que non nos vexamos na mesma situación que outras instalacións que Einsa deixou morrer porque ao non investir nelas quedaron obsoletas".
Se non hai avances, convocaranse novas mobilizacións
Con este peche de 24 horas (das 07:00 do mércores ás 07:00 horas do xoves), a representación social agarda que a dirección de empresa "recapacite e se aveña a abrir unha mesa de negociación". Non obstante, advirte, de non producírense avances, "as medidas de presión irán en aumento, tal e como se acordou na asemblea de traballadores/as".