O comité de Coremain denuncia o despedimento de decenas de persoas en Galiza
O comité de empresa de Coremain denuncia a pretensión da empresa de despedir a decenas de traballadoras e traballadores. A empresa comunicou á representación sindical a súa decisión de presentar un ERE extintivo o pasado venres día 26 de agosto. O comité manifesta o seu máis rotundo rexeitamento tanto aos despedimentos como a posible deslocalización dos postos de traballo.
A día de hoxe Coremain segue se concretar o número de despedimentos, que vai desde 30 a 80 persoas, creando incertidume entre os traballadores e traballadoras que poden ser incluídos no ERE.
O comité culpa a Coremain desa deslocalización ao teren apostado en anos anteriores por derivar parte da carga de traballo a Perú, apuntando o camiño que parece seguir a nova adxudicataria. Todo indica que a nova adxudicataria do proxecto Vodafone (CAU-Centro de Axuda ao Usuario) pretende trasladar todo o servizo de atención a usuarias e usuarios a este país.
Isto supón seguir afondando na redución de postos de traballo do sector en Galiza, así como o traslado de datos de milleiros de persoas a un país que non está suxeito á normativa europea de protección de datos.
Canda isto, o comité denuncia que a Xunta de Galiza segue sen exercer as súas competencias e non esixe ás empresas que operan no noso país que garantan a atención no noso idioma. Obrigando que os usuarios teñen que usar unha lingua distinta a súa lingua materna e facilitando a deslocalización de empresas. O obrigatoriedade de facilitar unha atención en galego podería garantir un mínimo de 2000 postos de traballo na Galiza.
Rexeita tamén a pretensión de Vodafone de maximizar os seus beneficios a custo dos dereitos laborais deslocalizando os servizos a terceiros países con salarios aínda máis baixos que os establecidos no convenio colectivo de Consultoría.