O comité de Bosch impugnará o ERE temporal para 800 persoas en Vigo
O comité de empresa de Bosch, compañía do sector dos centros de chamadas con sede en Vigo, impugnará o ERE temporal para 800 traballadoras/es unha vez que o período de consultas rematou sen acordo. Ao mesmo tempo, a representación do persoal convocará asembleas en marzo para decidir outras medidas de presión contra a decisión da empresa de telemarketing.
Dende o comité de Bosch, presidido pola CIG, sinalan que aínda non contan con toda a documentación sobre o ERE temporal, pero adiantan a súa intención de impugnalo xa que o consideran innecesario. Neste senso, denuncian que “a empresa ten 98 vacantes, pero négase a reubicar o persoal indefinido se non pasa unha proba de perfís” e critican que toda a repercusión económica da medida vaia recar nos traballadores/as.
Ao meso tempo, anuncian que no vindeiro mes de marzo convocarán asembleas nos dous centros de traballo de Vigo (Avenida de Madrid e María Berdiales, con máis de 2000 empregados/as) para decidir outras medidas de presión para rexeitar a decisión da empresa. Lembran que ademais do ERTE, a dirección levou a cabo 200 despedimentos entre o persoal de ETT dende o mes de decembro.
Atención telefónica en galego
O argumento que esgrime a empresa para xustificar a medida é a parda de proxectos derivada dos despidos que vai aplicar Vodafone, compañía que está a deslocalizar traballo para países como Colombia ou Exipto. “O único que xeito que temos de frear esta sangría é que a xente demande atención telefónica en galego”, sosteñen.
Precisamente co obxectivo de sumar apoios ás súas reinvindicacións, o comité de empresa mantivo hoxe unha xuntanza con representantes do grupo parlamentario do BNG, formación que vai presentar unha iniciativa reclamando a implicación da Xunta para minimizar os efectos do ERE temporal.