O comité de Atento inicia mobilizacións contra a orde da empresa de volver ao traballo presencial
O comité de Atento da Coruña vén de convocar folga de 24 horas para o vindeiro luns, 26 de outubro, en reposta á decisión da empresa de ordenar á volta ao traballo presencial dun número indeterminado de traballadores e traballadoras a partir do día seguinte, martes 27. A dirección comunicou a súa decisión ao órgano de representación a través dun correo electrónico tan só cunha semana de antelación e cando hai un incremento dos contaxios de covid-19.
Ante esta medida, o comité reuniuse de urxencia e acordou, por unanimidade, iniciar unha serie de accións para tentar paralizar "esta atrocidade". Así, este xoves presentaron denuncia na Inspección de Traballo para que poña freo ás pretensións da empresa e teñen convocada folga de 24 horas no centro de traballo da Coruña na véspera de que comecen as reincorporacións.
A sección sindical da CIG lembra que o persoal estivo teletraballando dende que se declarou o estado de alarma, polo que non se entende que, en plena segunda onda, cun incremento continuados dos casos positivos e a aplicacións de novas restricións, Atento ordene agora a reincorporación presencial.
A dirección, pola súa banda, alega que se trata dunha medida temporal para dar un reforzo no traballo debido a non acadar os obxectivos marcados pola propia empresa nos meses de agosto e setembro. Para a sección sindical da CIG, coa escusa dos datos de desempeño, a empresa o que busca "é castigar o persoal que non cumpre os obxectivos marcados polo servizo, utilizando esta situación como toque de atención e ameaza para o resto das compañeiras e compañeiros".
A este respecto, subliñan a imposibilidade de chegar aos obxectivos cando a caída dos sistemas e das aplicacións son constantes e a empresa non fai nada por corrixir estes problemas. Xunto a isto, a representación da CIG denuncia as condicións nas que a Atento leva adiante o teletraballo, aproveitándose dos equipos informáticos do persoal, que ademais paga as facturas da luz e de internet e a reparación destes, e que ten que resolver por si propio as incidencias técnicas que teña, sen dispor de equipos ergonómicos (sen cadeiras nin mesas adaptadas). "Agora por enriba, a empresa pon en risco (unha vez máis) a nosa saúde, e a do noso entorno familiar e social, obrigándonos a ir ao centro de traballo, sen asegurar a nosa saúde e a nosa protección personal e laboral", advirten
Por iso, xunto á folga xeral do día 26, o comité tamén convocados paros de dúas horas todos os luns e venres "até que a empresa retire a súa medida".