O comité de Aramark, concesionaria das cafeterías do CHUS, convoca unha concentración contra os despidos na empresa
O comité de empresa de Aramark, concesionaria das cafeterías do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), vén de convocar unha concentración contra os despedimentos que está a levar a cabo a compañía. A mobilización terá lugar este mércores día 20 diante do Hospital Provincial de Conxo ás 12:00 horas.
Aramark, que se atopa na actualidade inmersa nun ERTE por forza maior como consecuencia da pandemia, está a realizar despedimentos. Até o de agora rescindiulle o contrato a tres persoas, que reclaman a readmisión inmediata no seu posto de traballo.
Dende a representación do persoal lembran que as empresas acollidas aos ERTE de forza maior gozan de exoneración de cotas á Seguridade Social, así como de axudas das Administracións públicas, polo que queren deixar moi claro que non van tolerar os despedimentos “cando unha das finalidades destas axudas é precisamente o mantemento do emprego”.