O comité de Alu Ibérica péchase no Concello da Coruña para esixir reunión da mesa de seguimento e un plan industrial
Membros do comité de Alu Ibérica, acompañados por responsábeis sindicais das federacións de Industria, iniciaron este xoves un peche nas dependencias de María Pita para esixir do Ministerio que convoque de inmediato a mesa de seguimento creada tras a venda das fábricas da Coruña e Avilés e se clarifique un plan industrial que garanta o mantemento dos empregos, o rearranque das cubas de electrólise e a continuidade da actividade produtiva.
A medida de presión iniciouse esta mañá tras dunha xuntanza coa alcaldesa da Coruña, quen xunto co resto da Corporación municipal trasladou o total apoio ás demandas do persoal. Finalmente, a convocatoria da mesa quedou comprometida, tras a CIG forzar unha resposta por parte do Ministerio de Industria neste sentido, aproveitando a reunión telemática para abordar a situación en Alcoa San Cibrao.
O persoal pide a implicación inmediata dos Goberno galego e español, tras a incerteza xerada pola venda da planta ao grupo Industrial Riesgo (de dubidosas credenciais) e as ameazas de Alcoa de dar por rotos os acordos en materia de investimento acadados con Parter Capital, o fondo que adquiriu as instalacións coruñesas o pasado verán. Nesa mesa, precisamente buscaríase clarificar a postura e os plans de Alcoa e avanzar nunha solución viábel e definitiva para a planta.
Os gobernos español e galego deben intervir de inmediato
CIG-Industria reitera que tanto o Goberno español como a Xunta de Galiza teñen que intervir de inmediato para evitar que a comarca da Coruña perda outra fábrica, afondando así na grave crise industrial que percorre o noso país de norte a sur.
Neste senso, a central sindical reclama a posta en marcha inmediata de medidas para crear unha tarifa industrial máis xusta, estábel e competitiva; e que se obrigue, tanto a Alcoa como a Parter, a cumprir cos acordos asinados e realizar os investimentos necesarios para avanzar nun proxecto que ofreza viabilidade e garantías de continuidade dos empregos e da actividade na fábrica de aluminio da Coruña.