O comité de Alfrío mantén as convocatorias de folga ante a proposta insuficiente da empresa

Tras dunha xuntanza de negociación, o pasado mércores, houbo un achegamento en certos aspectos da negociación do convenio, pero non se avanzou en cuestións como as categorías
Ribeira - 02 Dec 2024

Traballadores e traballadoras de Congelados Ángel López, Alfrio, secundaron o pasado xoves unha nova xornada de folga, a cuarta, con percorrido en coche polo concello incluído, logo de que na mesa de negociación celebrada o día anterior se achegaran algúns aspectos, sen avanzar nada en cuestión de categorías. O próximo paro está previsto para o día 5 de decembro.

Segundo explica Ánxela Martínez, representante da CIG, tras seis horas de negociación a empresa presentou finalmente unha oferta de convenio a dous anos, cunha suba salarial dun 5% no primeiro ano e un 4 %, no segundo. Porén, aínda que a oferta contempla a revisión do IPC se a inflación supera esas porcentaxes, “queda topado nun máximo de 1 punto”, sinala.

Respecto da xornada, na xuntanza a empresa explicou que precisa producir máis. “Querían ter xornadas de luns a domingo, aínda que só para mantemento, por causas produtivas, ou sexa para todo o persoal. Así que pola parte social dixemos que a xornada é inamovible”.

A cambio, a representación da parte social manifestou a súa dispoñibilidade a negociar “unha quenda de fin de semana con xente de nova contratación e poder regulalo”. Non entran, sen embargo, a negociar as categorías que segundo explica Martínez “segue sendo unha cuestión fundamental na negociación”.

Por iso, transcorridas seis horas de negociación, a empresa acordou enviar unha nova proposta para hoxe, á que a parte social fará aportacións para poder chegar a entendemento. Mantéñense, en todo caso, as xornadas de paro previstas, mentres non se chegue a un acordo definitivo.