O comité de Alcoa péchase na Delegación para esixirlle ao Goberno español que cumpra e avale o proceso de venda
Os membros do comité de Alcoa iniciaron un peche esta mañá nunha sala da Delegación do Goberno para esixirlle ao goberno español que cumpra os compromisos adquiridos co persoal sobre a garantía da continuidade dos empregos e para que avale o proceso de venda das fábricas da Coruña e Avilés que a multinacional do aluminio pechou co fondo suízo Parter Carpital.
Ao tempo que o comité iniciaba esta medida de presión, un grupo de traballadores e traballadoras de Alcoa concentrábanse ás portas do edificio gobernamental en apoio os seus compañeiros e para esixir a aprobación do estatuto do consumidor electrointensivo que o Goberno se comprometera a ter listo antes das eleccións do 28 de abril. Unha nova regulación da enerxía, lembran, que resulta fundamental para dotar de futuro e viabilidade non só ás fábricas da Coruña e Avilés, senón ao conxunto das industrias con grandes consumos eléctricos.
Julio Moskowich, delegado da CIG que participa no peche, explicaba por teléfono que se acordou iniciar esta acción ante os reiterados incumprimentos do Goberno. "Esiximos do Ministerio que cumpra coas garantías ás que se comprometeu no mes de xaneiro e que sirva de aval á operación de venda que Alcoa ten anunciado con Parter. Reclamámoslle unha xuntanza con todas as partes na que nos dean compromisos firmes a este respecto, e mentres isto non se produza seguiremos pechados na Delegación", aseveraba.
Á espera de que Alcoa confirme a venda das plantas con fondo suízo Parter, o persoal reclama das administracións que se involucren para concretar un proxecto industrial que ofreza as máximas garantías para o arranque das cubas de electrólise, o mantemento no futuro da produción de aluminio primario e de todos os postos de traballo.
Unha reunión sen a representación social
Neste senso, Moskowich criticou que na reunión convocada para este martes en Madrid, o Goberno convidou as Administracións autonómicas e ao posíbel inversor Parter, "entendemos que para que lles explicara cal é o seu proxecto, mais vetou a presenza da representación social das fábricas. Nós tamén tiñamos que estar nesa reunión".
Aprobar o estatuto do consumidor electrointensivo, fundamental
De igual xeito, o delegado da CIG denunciou os continuados incumprimentos do Goberno español ao longo destes meses e a súa incapacidade para pór en marcha solucións á crise desta industria, xa que nin sequera conseguiu sacar adiante o estatuto do consumidor electrointensivo, malia ter asegurado que estaría aprobado antes das eleccións xerais do pasado 28 de abril. Contar cun marco regulador da enerxía máis xusto, estábel e predicíbel é indispensábel para garantir a viabilidade e os empregos no conxunto do sector electrointensivo.