O comité de Alcoa levanta o peche tras confirmarse o preacordo con Parter e concretarse unha reunión con todas as partes implicadas
Os membros do comité de Alcoa acordaban por volta das 22 horas deste martes levantar o peche que iniciaron esta mañá na Delegación do Goberno logo de conseguir que se convocara para este xoves unha reunión entre todas as partes implicadas (Administracións, Alcoa, Parter Capital Group e representación social) para coñecer todos os detalles do proceso de venda das fábricas de alumunio da Coruña e Avilés. Así mesmo, grazas a medida de presión, Alcoa tivo que sacar un comunicado público informando do preacordo alcanzado co fondo suízo, xa que até o momento e malia as publicacións na prensa, non existía confirmación por parte da multinacional sobre cal era o proxecto polo que optaría.
Así mesmo, subliña Julio Moskowich, delegado da CIG, con esta medida de presión conseguiuse que o Ministerio de Industria manifestara o seu posicionamento sobre a operación de venda con Parter, que o Goberno 'valora positivamente'. "O Goberno español ten que cumprir os compromisos adquiridos e ser o aval para concretar un proxecto industrial que ofreza as máximas garantías para o arranque das cubas de electrólise, o mantemento no futuro da produción de aluminio primario e de todos os postos de traballo", apunta.
Alcoa retira a pretensión de que se lle validara este mércores a operación
Moskowich explica que Alcoa pretendía tamén que a representación social lle validara mañá, mércores, a operación de venda "cando non tiñamos sequera coñecemento dos termos do preacordo nin se conta co apoio das administracións". Porén, tras varias negociacións coa mediación de Industria, finalmente Alcoa retirou a súa pretensión e será na reunión do vindeiro xoves cando se aborde esta cuestión. Este era outro dos puntos que se esixían co peche.
"Tivemos que levar adiante esta acción para conseguir que Alcoa confirmara o preacordo con Parter Capital e que o Goberno valorara positivamente esta alternativa que implica a adquisición das dúas fábricas e garante o emprego e as condicións durante dous anos. Todo isto deixa a operación máis encamiñada", valora Moskowich. Porén, tamén engade que para garantir a totalidade dos postos de traballo e das condicións laborais máis alá deses dous anos é preciso que o Goberno poña en marcha de inmediato un novo marco regulador da enerxía estábel, predicíbel e competitivo "para que o rearranque da electrólise sexa unha realidade".