O comité de Alcoa demanda unha prórroga do período de consultas de seis semanas para facilitar a venda
A Ministra de Industria convocaba unha xuntanza in extremis, para a última hora deste mércores, tras rematar o período de consultas co desacordo unánime do comité de Alcoa e representantes da CIG, CCOO e UGT. Unha reunión telemática á que estaba convocada Alcoa, o conselleiro de Industria e representantes destes tres sindicatos. Nunha mostra máis de desprezo, a multinacional nin sequera participou. Na xuntanza que se prevé celebrar no decurso da xornada de hoxe, o comité reclamará unha prórroga do período de consultas, de 6 semanas, para que se facilite o proceso de venda da planta de San Cibrao.
Ao remate da xuntanza o Ministerio de Industria, a Xunta de Galiza, CIG, CCOO e UGT emitiron un comunicado conxunto no que amosaron o seu apoio ao comité e o seu compromiso por “seguir traballando, desde a unidade, para lograr que o proceso de compra-venda da planta de Alcoa San Cibrao teña as certezas necesarias para que dita operación sexa efectiva”.
Todas as partes coincidiron, ademais, en que esta é a mellor maneira de garantir tanto o mantemento da actividade industrial como dos postos de traballo na comarca da Mariña.
A convocatoria desa xuntanza coñecíase a última hora da mañá de onte, tras 30 horas de reunión na que se confirmou o desacordo do comité de empresa pola pretensión de Alcoa de parar as cubas, “unha proposta inasumíbel, que significaría a morte da fábrica”, explica o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.
Para Carril “non era de recibo ningún acordo destas características, máis logo de que a empresa rexeitara todas as propostas que se fixeron durante todo o período de negociacións e, nomeadamente, nestes últimos días”. Por iso, contra as 6:00h da madrugada confirmábase, definitivamente, esa falta de acordo e iniciábase a redacción das actas coas que se daría por concluído o período de consultas.
Prórroga de seis semanas
Ao tempo, a representación dos traballadores/as poñía sobre a mesa unha última proposta de prórrogar seis semanas (do 10 de agosto ao 20 de setembro) o período de consultas, para posibilitar o inicio do proceso de venda da planta de aluminio, no que participaría, en exclusiva, Alliance GFG (Liberty House).
Esta proposta contempla a celebración dunha xuntanza semanal, a través dunha mesa multilateral, para manter puntualmente informados dos avances desas negociacións tanto á Comisión Representativa dos/as Traballadores/as, como á Xunta de Galiza, o Ministerio de Industria, CIG, CCOO e UGT.
Xunto a isto, explicítase que o proceso de venda desenvolveríase “sen para nin unha cuba”, de modo que as instalacións puideran venderse a Liberty House coa planta en funcionamento.
Ademais, e tan só no suposto de que a venda da Planta de Aluminio a Liberty House non chegase a producirse a 20 de setembro, o día 21 de setembro as partes reuniríanse para finalizar o período de consultas nos termos que se acorden.
Segundo explica Carril, nas últimas horas da xuntanza, Alcoa rexeitou esta posibilidade, mantivo inamobíbel a súa posición de deixar xa onte pechado o período de consultas e mesmo abandonou a reunión e á representación dos/as traballadores/as. Así as cousas quedarían as partes emprazadas para unha nova xuntanza a primeira hora da mañá deste xoves para, unicamente, asinar as actas de desacordo.
De se efectivizar o ERE isto suporía o despedimento colectivo dos 534 traballadores da empresa, duns 450 traballadores/as do aluminio de arredor dunhas 20 empresas externas, o peche da planta de San Cibrao e incalculábeis perdas económicas non só para A Mariña, senón para toda a provincia de Lugo e para a propia economía galega.
Mantemento da proposta
Malia esta mañá estar convocada a xuntanza para proceder a esa sinatura de actas, o secretario xeral da CIG avanzaba a primeira hora que se volverá a poñer esta proposta enriba da mesa. En declaracións á TVG lembrou que para dobregar a Alcoa, na xuntanza de onte co Ministerio reclamaron, tanto á Xunta, como á Ministra de Industria, “que actúen con contundencia e con firmeza, porque non é de recibo que unha empresa como esta estea mantendo unha situación de tensión e de sen razón enorme, poñendo en risco miles de postos de traballo e a continuidade dunha actividade industrial estratéxica”.
Carril confiou en que a multinacional se aveña a razóns, se abra á posibilidade de prorrogar en seis semanas o proceso, substituíndo a sinatura das actas de desacordo pola dunha acta sinxela na que se recolla a ampliación do período de consultas.
Con todo, o secretario xeral da CIG lembra que de estar derrogada a reforma laboral “non dependería en exclusiva de Alcoa decidir un despedimento colectivo como este”. Por iso, de non se conseguir un cambio de postura da multinacional na xuntanza de hoxe “temos que revisar con detalle as actas, para que veñan as nosas posicións fixadas” porque a partir de aquí levaríase “esta barbaridade” ao ámbito xudicial “para que sexa o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza quen resolva a impugnación que faremos dos despedimentos”.