O comité de Alcoa convoca unha marcha obreira dende a fábrica até a Delegación do Goberno
O comité de Alcoa ten convocada para o vindeiro luns, día 29 de outubro, unha marcha obreira dende a fábrica até a Delegación do Goberno para esixir a multinacional a retirada inmediata do expediente de despedimento colectivo e demandar un marco enerxético estábel. A mobilización sairá ás 17:30 horas da factoría e realizará unha parada na Praza da Palloza antes de continuar até a Delegación. Dende a Unión Comarcal da CIG da Coruña anímase a toda a cidadanía a participar na mobilización para defender o tecido industrial da comarca.
A próxima semana resultará clave no conflito de Alcoa xa que, de non producírense cambios radicais, o día 31 abrirase o período de consultas do ERE. De cara a conseguir apoios institucionais e sociais para evitar o peche da fábrica coruñesa, os traballadores e as traballadoras continúan as mobilizacións diarias das instalacións e a rolda de contactos políticos.
Esta semana, representantes do persoal trasladáronse até Compostela para asistir ao Pleno do Parlamento, onde se aprobou unha declaración institucional a prol dos empregos e a continuidade da actividade en Alcoa. Na sesión plenaria interveu o conselleiro de Economía e Industria que dedicou "boa parte da súa intervención a dar un mitin político e a trasladar responsabilidades a outras administracións, mais sen achegar propostas ou iniciativas concretas para evitar o peche da fábrica", lamentou o delegado da CIG no comité, Julio Moskowich.
A CIG da Coruña chama a participar na marcha do luns
Hai que saír á rúa para defender o noso tecido industrial, que novamente se ve ameazado pola decisión de Alcoa de pechar o centro de traballo da Coruña, levando a comarca a converterse nun verdadeiro deserto industrial"
Dende a Unión Comarcal da CIG da Coruña lanzan un chamamento a toda a cidadanía a participar na marcha do vindeiro luns para evitar o peche de Alcoa e afondar así no desmantelamento dos sectores produtivos da comarca. "Hai que saír á rúa para defender o noso tecido industrial, que novamente se ve ameazado pola decisión da multinacional de pechar o seu centro de traballo da Coruña, levando a comarca a converterse nun verdadeiro deserto industrial", advirte Xabier Filgueira.
Engade que, nesta circunstancia, "faise máis necesario que nunca un plan de industrialización comarcal, reivindicación que debemos esixir do Goberno español e da Xunta de Galiza, que non poden ser meros espectadores, senón que teñen que asumir as súas responsabilidades políticas, poñendo alternativas serias e viábeis enriba da mesa, que pasan pola potenciación dos nosos sectores produtivos básicos, como elemento fundamental para a creación de emprego estábel e de calidade".
Tarifa industrial estábel
No caso concreto das industrias electrointensivas dende a CIG deféndese a necesidade de termos unha tarifa eléctrica propia "que poña a explotación dos nosos recursos naturais para a xeración de enerxía ao servizo do pobo galego e do desenvolvemento económico e industrial de Galiza". A este respecto, Filgueira lembrou que a CIG vén de trasladarlle aos gobernos español e galego e á patronal unha proposta para a creación dunha tarifa industrial estábel, con variacións predicíbeis á que se poidan acoller estas empresas con grandes consumos de enerxía.
Pero a cambio de poder acollerse a esta tarifa rebaixada, as empresas terán a obriga de realizar inversións e melloras nos procesos produtivos para manter e ampliar o nivel de emprego directo, evitando así medidas como a anunciada por Alcoa, que deixa no aire o futuro de 400 empregos nun sector estratéxico para o país, como o do aluminio. Así mesmo, as empresas acollidas a esta tarifa terían que pular polas condicións laborais e sociais nos convenios colectivos, que deberán ser actualizados, como mínimo, co IPC anual.