O comité de Alcoa convoca os concellos da comarca a unha xuntanza para trasladar a grave situación da factoría
Os traballadores e as traballadoras de Alcoa continuaron este venres co calendario de mobilizacións en defensa do emprego e para reclamar unha tarifa industrial eléctrica máis xusta, estábel e predicíbel que favoreza a recuperación da actividade das 32 cubas que a multinacional acordou parar.
Dentro das accións que o persoal está a realizar para esixir solucións, o comité vén de convocar a unha reunión na fábrica de San Cibrao á representación de todos os gobernos municipais da Mariña (Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro, O Vicedo, Ourol, O Valadouro, Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo, Trabada e A Ponte Nova), para o vindeiro mércores 2 de outubro, ás 12 do mediodía.
Nesa xuntanza, explica Xosé Paleo, presidente do comité (CIG), quéreselle trasladar ás distintas corporacións locais a gravidade da situación que atravesa o complexo industrial de San Cibrao, motor económico da comarca, e solicitar o seu apoio institucional e a colaboración nas mobilizacións que convoque a representación social.
"Sabernos a onde conduce o camiño iniciado por Alcoa coa parada das 32 cubas, o que descoñecemos é o tempo que vai esperar para dar o seguinte paso", advertía Paleo, en referencia a incerteza xerada polas palabras do presidente da multinacional durante a reunión do pasado martes, pois malia informar que non están previstas medidas adicionais antes da constitución do próximo goberno no Estado, tamén confirmou que non se arrancarán as cubas mentres non haxa un novo marco tarifario.
A este respecto, Paleo lembra que en xullo pasado xa se producira unha baixada do 5% da produción e tan só un mes despois a empresa anunciou a parada de 32 das 512 cubas electrolíticas. En total, hai un recorte de máis do 11% da produción.
"Vémonos reflectidos no que pasou nas plantas da Coruña e Avilés, onde as electrólises están paradas. O camiño no que nos mete Alcoa acaba aí e por iso temos que seguir loitando e intensificar as mobilizacións", afirmou. Neste senso, apuntou ao inicio da próxima campaña electoral "para facernos ver e esixir feitos, non só palabras. A aprobación do estatuto do consumidor electrointensivo é unha urxencia que non admite máis demoras", concluíu.