O comité de Albada inicia unha rolda de contactos institucionais para abordar a situación laboral e o futuro da planta
O comité de empresa da UTE- Albada continúa coa rolda de contactos cos distintos grupos políticos iniciada o pasado día 23 de marzo, data na que mantivo unha xuntanza co BNG da Coruña. Tamén están axendadas reunións coa Marea Atlántica (para o xoves 30 de marzo) e co Consorcio das Mariñas (para o venres 31 de marzo).
A celebración destas reunións, explica o presidente do comité, Hadrián Canosa, ten como finalidade dar a coñecer a situación actual na que se encontra a negociación do convenio colectivo, nun contexto complicado no que a actual concesionaria leva en prorroga dende finais de 2019 e sen que até a data de hoxe saíse publicado o novo prego de condicións.
"Foi este Goberno municipal o que se comprometeu a sacar o prego durante o presente mandato e, sen que se teña coñecemento doutra cousa, segue insistindo en que os pregos sairán antes de que remate a lexislatura", subliña.
A realidade para o cadro de persoal da UTE Albada é ben distinta, sen convenio colectivo e sen pregos, polo tanto sen dereitos. "É o peor escenario que podían imaxinar: o cadro de persoal leva desde o ano 2012 cos seus salarios conxelados, e as promesas de manter nos novos pregos de condicións as cuestións claves que como cláusulas sociais foran incorporadas ao documento que se asinou coa Marea Atlántica no ano 2019 -e que a inicios de mandato o Goberno de Inés Rey prometeu manter en todo momento-, están a ser unha promesa incumprida".
Sen avances na negociación do convenio
As negociacións entre a empresa Albada e o comité continúan a estas alturas con desencontros importantes, sobre todo encalladas no que ten a ver cos incrementos económicos, "posto que non son suficientes e non permiten recuperar o poder adquisitivo perdido nestes ano"s. Esta situación, lembra Canosa, xa provocou a folga de decembro "e agora vai ter que ser novamente a presión da folga a que faga avanzar o conxunto do cadro de persoal na recuperación de dereitos económicos e sociais".
Polo que de non haber contactos no que resta de semana para intentar chegar a un acordo, o domingo 2 de abril, ás 22h, comezaría a folga na Planta de Tratamento de Nostián. Desde o comité emprazan tamén o Concello da Coruña para que faga, "como Administración Pública que é, e pola responsabilidade directa que ten sobre a concesión, as labores de mediación necesarias para evitar este conflito e contribuír á solución do problema".