O comité de Albada denuncia en Inspección as chuvias dentro da nave de Pretratamento
O comité de empresa de Albada vén de presentar denuncia perante a Inspección de Traballo polas condicións de insalubridade laboral nas que o persoal ten que desenvolver o seu traballo. En concreto, denuncian que chove dentro da nave de Pretratamento e que non funciona o circuíto de aspiración, o que incrementa o risco biolóxico para as traballadoras e traballadores.
O presidente do comité, Hadrián Canosa considera que son inadmisíbeis os incumprimentos de Albada en materia de saúde laboral. Lembra que respecto das condicións da nave de Pretratamento xa se presentou denuncia o 14 de agosto do 2020. “Nesta nave hai un equipo de traballadores que fan diferentes funcións por toda a instalación, supervisando, limpando, desatascando ou facendo selección de materiais. O tellado estaba en moi malas condicións polo que cando chovía inundábase o chan e caía a auga directamente sobre os cadros eléctricos”, explica.
Canosa apunta que diante da inacción da empresa para resolver o problema volveron presentar denuncia o 25 de novembro do 2020, desta volta alertando dun posíbel risco grave e inminente pola situación do tellado, que seguía sen repararse, polo que seguía chovendo sobre un cadro eléctrico.
Porén, a empresa non fixo nada, o que obrigou ao comité a volver denunciar os mesmos feitos porque seguía a chover dentro da nave, sobre as instalacións eléctricas, sobre os traballadores, sobre as máquinas e sobre as zonas de paso.
Malia ter transcorrido un verán seco que facilitaría acometer as reparacións necesarias, as chuvias desta semana fixeron reaparece o problema. “O tellado da nave segue sen ser reparado, chovendo sobre o persoal que traballa nela, sobre as zonas de paso, escaleiras, mesmo chegando a inundar partes da mesma”, apunta o presidente do comité que denuncia ademais que agora, esta situación estendeuse a outras naves da empresa que tamén se inundan por falta de mantemento preventivo e correctivo.
Un circuíto de aspiración estragado que aumenta o risco biolóxico
Canda isto, o presidente do comité explica que na nave de pretratamento existe un circuíto de aspiración para eliminar as partículas en suspensión debido ao risco biolóxico que hai polo material co que se traballa e que debe permanecer en funcionamento en todo momento. Un circuíto que, segundo Hadrián Canosa “leva parado por avaría desde o 4 de febreiro de 2015. Ademais desconectáronse a maioría das bocas de aspiración, polo que aínda que o circuíto se puxera en marcha non faría a súa función”.
Por iso solicitan da Inspección que verifique os feitos denunciados e requira á UTE Albada que corrixa as deficiencias estruturais que eviten que chova dentro da nave e que repare o circuíto de aspiración para eliminar ou reducir o risco biolóxico.
Xunto a isto, o comité insta ao concello a adoptar, de inmediato, as medidas necesarias para que se garantan unhas condicións de saúde laboral dignas.