O comité de Albada advirte que o modelo de xestión de residuos de Nostián está en perigo
As últimas declaracións públicas realizadas por parte de diferentes responsábeis políticos e a ausencia de actuacións concretas para a posta en marcha do prego de condicións fan que estean aumentando as incertezas e a preocupación do cadro de persoal de Albada pola viabilidade da planta e o futuro dos seus postos de traballo.
Nada xustifica, subliña o comité, o atraso na publicación dos pregos e todo indica que de seguir así non verán a luz tampouco ao longo do ano 2023. Para o cadro de persoal está en xogo o futuro da planta de Nostián como unha planta de tratamento e de reciclaxe tal e como foi ideada a consecuencia do derrubamento do vertedoiro de Bens en 1996, un proxecto que naquela altura nacía cun amplo apoio político e social na comarca da Coruña e na súa área de influenza. Foron asociacións veciñais, sindicais, ecoloxistas e Administracións Públicas as que apoiaron o nacemento tamén deste proxecto.
Para o comité de empresa de Albada non hai que situar o debate exclusivamente en se ten que ser o modelo húmido-seco ou o quinto colector o que desbloquee a actual situación. Para a RLT o modelo de Nostián non está baseado no número de colectores, senón na creación de compost coa fracción orgánica e a recuperación de materiais para a posterior reciclaxe (coas ratios de recuperación máis altas do país), fronte ao modelo de Sogama que sempre se fundamentou na incineración.
"Faise pois moi necesario que as Administracións Públicas se poñan a traballar en serio para manter e mellorar o actual modelo Nostián como unha planta de tratamento, garantindo a continuidade do cadro de persoal, coas transformacións precisas para adaptar o modelo ás esixencias da UE e ás novas normativas estatais na materia, para facela máis eficiente e rendíbel do punto de vista económico e medioambiental, dándolle o impulso necesario para a creación de compost de calidade", aseveran.
Mais advirte o comité que a xestión política deste asunto "non pode ser utilizada para desbotar-enterrar ou cambiar o modelo Nostián por unha planta de transferencia modelo Sogama. Esta é a preocupación e o temor que hoxe teñen as persoas que traballan na planta".
A representación social non entende como a estas alturas o Concello da Coruña, na persoa da súa concelleira de Medio Ambiente, Noemí Vázquez, ou do concelleiro de Economía e Promoción Urbana, José Manuel Lage Tuñas, segue sen atender as peticións de reunión que lle teñen trasladado. "Se hai un compromiso político, como se di nos medios de comunicación de maneira reiterada nas últimas semanas, de sacar o prego canto antes, faise moi necesario recibir a RLT da UTE-Albada para poder plasmar nos pregos aqueles acordos que tiñamos acadado cos anteriores gobernos municipais na liña de garantir os postos de traballo e de acordar medidas para preservar os nosos dereitos económicos e sociais", apuntan.
Por iso, instan a "Alcaldesa da Coruña e o seu Goberno a cumprir ou do contrario estaríamos diante dunha fraude non só para as persoas que hoxe traballamos na planta de Nostián, senón tamén para o conxunto da cidadanía da Coruña e da súa área metropolitana".