O comité de Albada acorda non activar a 1ª xornada de folga ante o compromiso da empresa de asinar o convenio
O comité da planta de tratamento de residuos de Nostián acordou non activar a primeira xornada do calendario de folgas que se ían iniciar mañá, domingo 21 de maio, ás 22 horas. A decisión chega despois da empresa Albada convocar por escrito a representación do persoal a unha xuntanza para o martes 23 para proceder á sinatura definitiva do convenio do colectivo.
A sinatura final do preacordo acadado era o obxectivo da folga e por este motivo o comité acordou non exercer o seu dereito nesta primeira xornada á espera de que teña lugar a reunión do vindeiro martes. Neste senso, o comité tamén advirte que, no caso de que a empresa non cumpra co falado ou pretenda introducir cambios no texto, activarase a folga e o calendario de mobilizacións convocado para o mércores 24 e o venres 26 de maio.
A representación social lamenta que despois de tantos anos de negociación, mobilizacións continuas e de ter chegado finalmente a un preacordo satisfactorio, a empresa puxera novos atrancos para a sinatura definitiva do convenio. E por iso agarda que, desta vez si, Albada atenda as súas responsabilidades co persoal, cumpra co prometido e os traballadores e traballadoras da planta de Nostián poidan comezar a exercer os dereitos que están recollidos no convenio.