O comité de Abai mobilízase en defensa dos postos de traballo no centro de chamadas da Coruña
O comité de Abai concentrouse este xoves para reclamarlle á dirección da empresa un plan que garanta a continuidade de todos os postos de traballo e a viabilidade do centro de chamadas da Coruña. A protesta desenvolveuse diante da tenda Movistar da Praza de Pontevedra, un dos principais clientes de Abai e a quen o comité responsabiliza da destrución de emprego.
Na protesta berráronse consignas contra Abai por non dar carga de traballo efectiva ás persoas incorporadas do ERTE (que consumiron unha parte importante da súa prestación por desemprego durante a regulación) e contra a explotación e o maltrato laboral tanto por parte da empresa como de Movistar.
Lembraron que Abai levou a cabo en xuño de 2023 un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) que afectou a máis de 50 traballadoras só no centro da Coruña. Esta medida foi rexeitada polos sindicatos ao entender que non existían causas, xa que a carga de traballo na campaña de Movistar non diminuíra "senón todo o contrario, e os criterios utilizados para escoller as persoas afectadas foron absolutamente arbitrarios".
Durante os nove meses que durou o expediente de regulación, "a dirección da empresa non se tomou en serio as recolocacións. En ningún momento puxo en marcha novas campañas no centro da Coruña nin permitiu as reincorporacións ao servizo de atención ao cliente de Movistar, a pesar de que as chamadas entran sen parar".
Unha vez transcorrido o tempo máximo do ERTE, o persoal incorporouse ao traballo pero sen un posto nun servizo concreto e sen que se lles asigne carga de traballo, algo que o comité de valora negativamente ao considerar que con esta actuación “a dirección está a buscar escusas para destruír emprego pola porta de atrás”.
Mais para o comité tamén fica claro que a compañía de telecomunicacións "está detrás de todo isto". E por iso sinalan á responsabilidade social que debe de ter unha empresa como Movistar "que foi pública e que agora ten entre os seus accionistas ao Goberno do Estado español".
Folga o 17 de abril
A falta de compromiso co futuro do centro da Coruña levou á representación social a poñer en marcha un calendario de mobilizacións, que comezou coa concentración deste xoves e que continuará cunha xornada de folga o vindeiro 17 de abril.
Con motivo do paro de 24 horas, tamén está convocada unha manifestación que sairás ás 19h das oficinas de Abai (situadas no Edificio Proa no barrio de Matogrande). O comité anima a todo o persoal a secundar a folga e a participar na mobilización.
Ademais, ese mesmo día a representación do persoal e a empresa sentarán ante o servizo de mediación da Xunta (AGA). O comité reclámalle a Abai o compromiso de non destruír ningún posto de traballo, que respecte os dereitos laborais como o Plan Familia e que asegure a viabilidade do centro de chamadas coruñés a través de campañas estábeis. A este respecto lembran que antes do ERE do ano 2016, neste centro traballaban preto de 1000 persoas, cando agora quedan pouco máis de 500.