O comité de Abai (Extel) denuncia o despedimento arbitrario de dous compañeiros
Delegadas e delegados do comité de Abai (antiga Extel) realizaron este martes unha concentración diante das oficinas da empresa na Coruña en rexeitamento ao despedimento de dous compañeiros a pasada semana "en plena crise sanitaria, cunha campaña nova entrando e con ofertas de contratación publicadas en páxinas de emprego". Denuncia que o obxectivo destes despedimentos inxustos non é outro que afondar na política de intimidamento do persoal.
A sección sindical da CIG denuncia que con este tidpo de actuacións "a dirección de Abai demostra a súa verdadeira cara". Lembran que, cando a principios de ano ABS adquiriu Extel (que pertencía ao grupo Adecco), "presentouse con moi boas palabras e asegurando que quería cambiar as cousas".
Porén, a nova dirección "leva meses demostrando que non queren cambiar nada, que a súa avaricia é a mesma que a de Adecco e que as súas formas iguais ou peores". Os despedimentos da pasada semana súmanse aos abusos patronais continuados, que se viron agravados pola situación de emerxencia sanitaria da Covid19 "que lle deu a escusa perfecta para tentar ter manga ancha na súa avaricia".
Así, a sección sindical da CIG denuncia que se están a facer horas extraordinarias descontroladas que ademais a empresa paga mal e tarde; que se ofrecen horas extras que logo pretenden camuflar en ampliacións de xornada; a empresa pide ao persoal que anule r vacacións no período estival, incluso con chantaxes, usando de maneira retorcida a escusa da seguridade e a saúde; e aplica un cálculo de promedio de incentivos "feito de forma engaños e na que perdemos cartos".
"Sáltanse todos os nosos dereitos para cubrir o servizo co menor custe posíbel e nin sequera se lles ocorre sentar co comité a falar e explicar cal é a situación real da empresa e buscar alternativas onde non saiamos perdendo os mesmos e as mesmas de sempre: os traballadores e as traballadoras".