O comité da planta de tratamento e recollida de lixo de Lousame convoca folga para o día 7 de decembro
O comité de empresa da planta de tratamento e recollida de lixo de Lousame compareceu esta mañá ao completo, en rolda de prensa, para anunciar a convocatoria dunha xornada de folga para o día 7 de decembro. Tal e como explicaron, agardan non ter que chegar a efectivizala pero advirten que “se a empresa non move ficha xa no mes de decembro, a convocatoria estenderíase a máis días durante o mes de Nadal”.
A planta de tratamento e recollida de lixo da mancomunidade do Barbanza, con sede en Lousame, é unha das tres plantas de reciclaxe que hai en Galiza xunto coa de Sogama e a de Albada.
A convocatoria de folga afectará á recollida de lixo dos concellos da mancomunidade e adheridos, un total de nove, entre os que están Ames, Rois, Brión, Lousame, Noia, Muros, Carnota, Porto do Son e Pontecesures, e responde á negociación do convenio colectivo.
Segundo explicou Paulo Rubido, representante da CIG, alá polo mes de abril o comité de empresa xa advertira desta posibilidade diante das reticencias a atender as súas demandas que se resumen en “corrixir as diferenzas que existen nesta planta respecto das outras plantas de tratamento de lixo de Galiza”.
Demanda do plus de tóxicos
Neste sentido sinalou que con este convenio colectivo queríase cumprir o que vén no convenio estatal, que é a consecución dun plus de tóxicos do 25% para todos os traballadores e traballadoras que traballan no sector do lixo, “co agravante de que, nesta planta, existe un contacto máis directo, dado que a separación faise manualmente”, xa que son as traballadoras as que separan, a man, o lixo nunha cadea.
O representante da CIG salientou ademais que, precisamente por este feito, “esta planta é a que ten mellor resultado do Estado español e sexa considerada a segunda mellor planta de recuperación e reciclaxe de Europa”.
Rubido denunciou ademais a diferenza salarial existente porque co incumprimento dese plus de tóxicos quen traballa en Lousame cobre até case un 45% menos que un traballador ou traballadora que desenvolva o mesmo traballo, na mesma categoría, nas instalacións de Sogama, en Cerceda; ou que cobre un 16-17% menos que un traballador ou traballadora da de Albada, na Coruña.
Adiando a convocatoria de folga até o último momento
A decisión adoptada en abril de adiar a convocatoria de folga até o último momento respondeu, segundo sinalou Rubido, á sensibilidade do comité, “consciente do que supón unha folga de lixo para as veciñas e vecinos dos concellos afectados”, á aposta por seguir coa negociación na mesa e á coincidencia coas eleccións municipais.
Porén agora, malia levar 8 meses negociando e de ter celebrado numerosas xuntanzas tanto coa empresa como coa presidencia da mancomunidade do Barbanza, “desgraciadamente as posicións seguen enormemente lonxe” da demanda de conseguir que ese plus chegue, en tres, catro anos, a ser do 25%, aplicado ademais con carácter lineal, o que se traduciría nun incremento de 250€.
“Se esa cantidade representa un 25% significa, evidentemente, que estamos a falar de salarios mileuristas”, matizou Rubido, quen sinalou que, dese plus, cóbranse na actualidade 70€ e esa diferenza de 180€ “son os que temos disposición para negociar para un período de tres catro anos, pero queremos rematar ese período cun cumprimento do que establece a norma legal”.
“Aviso a navegantes”
A folga inicialmente está convocada só para o día 7 de decembro e afectaría á recollida de lixo do sábado pola mañá ao sábado a noite. “Un aviso a navegantes”, como dixo Rubido, para demostrar que “os traballadores/as teñen claro o obxectivo que queren conseguir co convenio”.
Con todo, na rolda de prensa xa advertiron de que agardan “non ter que chegar a efectivizalo porque nunca romperon formalmente a mesa e o comité o que quere é negocialr ese convenio”. En todo caso advirten que “se as partes implicadas non moven ficha estaremos nun escenario, xa no mes de decembro, de máis convocatorias de folga e xa non só dun día”.
A vontade do persoal é, xa que logo, asinar un convenio colectivo do que xa levan un ano de retraso, e que ese convenio cumpra os obxectivos marcados polos sindicatos CIG, CCOO e UGT e traballadores/as na plataforma de negociación.