O comité da planta de Lousame retoma as mobilizacións contra a perda de postos de traballo
O comité de empresa de FCC, concesionaria da planta de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos da Mancomunidade do Barbanza, en Lousame, compareceu esta mañá en rolda de prensa para anunciar o inicio de mobilizacións, a primeira este mércores día 15, ás 12:00 horas en Carnota e a seguinte o vindeiro domingo, día 19, tamén ás 12:00 horas, en Noia. Denuncian a pretensión da mancomunidade de prorrogar o contrato con FCC sen introducir mellora algunha, o que aboca á extinción o modelo de tratamento do lixo, suprimindo ademais a quenda de noite, o que suporá a perda de numerosos postos de traballo.
A planta de Lousame arrastra desde hai anos unha problemática que ten provocado numerosas mobilizacións e mesmo convocatorias de folga por parte do seu cadro de persoal. Segue a ser a que ofrece mellores resultados en canto a porcentaxes de recuperación, a pesar do que o representante da CIG, Paulo Rubido cualificou como “inexistente xestión” por parte da mancomunidade, que xa foi denunciada en reiteradas ocasións.
Neste sentido, Rubido denunciou que tiña que se ter renovado a flota de camións hai anos, así como a revoltadora para mellorar a realización do compost e tiña que se ter previsto a ampliación do vertedoiro no que se acumula o rexeitado, “pero nada disto se fixo”. Un desinterese que o representante da CIG atribuíu ao descoñecemento, por parte das e dos alcaldes tanto do modelo como do traballo que se desenvolve na planta.
Xuntanzas coas administracións
O comité solicitou en reiteradas ocasións a colaboración tanto da administración autonómica como da Deputación da Coruña. Porén, a Xunta de Galiza “lonxe de colaborar coa planta de Lousame, segue empeñada en converter a xestión do lixo nunha guerra de carácter político” denunciou Rubido, e “optan estritamente polo modelo de Sogama, considerando a planta de Lousame como un modelo a combater, seguramente porque acredita que existen formas máis eficientes e que seguen mellor os criterios ambientais que o da propia Sogama”.
De feito, así se constata do momento no que Sogama recicla 13,1 quilos por habitante e ano e, porén, Lousame recicla 51,1 quilos por habitante ao ano.
Canto á Deputación da Coruña, o representante da CIG lembrou que mantiveron unha xuntanza, a principios deste ano, co seu presidente, Valentín Formoso, tamén secretario xeral do PSdG e actual candidato por esta formación política á presidencia da Xunta, presupoñendo que habería, pola súa banda, unha posición máis proclive a este modelo. Máis tendo en conta que foron alcaldes do PSOE e do BNG quen impulsaron este modelo de recollida e reciclaxe dos residuos sólidos urbanos.
Nesa xuntanza Formoso non só compartiu todas as cuestións que o comité puxo enriba da mesa, senón que mesmo se comprometeu a promover o nomeamento dun/ha Xerente; non buscar unha prórroga do actual contrato, que vence en setembro de 2023, senón facer un estudo de viabilidade para introducir todas as melloras necesarias e a elaborar uns novos pregos de condicións que a adaptaran á nova normativa da UE.
Posteriomente, o comité mantivo outra xuntanza co presidente da Mancomunidade –cargo de carácter rotatorio entre os alcaldes dos concellos que a conforman e un dos principais factores ao que atribúen o desastre na xestión-. Nesa reunión o comité trasladou os acordos aos que chegaran co Presidente da Deputación e recibiron a confirmación do alcalde de Carnota, tamén do PSdG de que estaban camiñando nesa mesma vía.
Prórroga do contrato
Porén, Rubido denunciou que atendendo ao curso dos acontecementos o comité foi “enganado” porque soubo por vías non oficiais, porque nin a empresa, nin a mancomunidade os informou, que finalmente a proposta que vai levar o Presidente ao pleno da mancomunidade é a de prórrogar o contrato. Unha “chapuza” que confirma “os nosos peores temores”, que vai unicamente a “prolongar a agonía” e que conleva “recortes e perda de postos de traballo, coa supresión da quenda de noite, sen resolver ningún dos seus problemas”.
Na Planta de Lousame traballan 140 persoas. O 100% das que desenvolven a súa actividade en triaxe son mulleres, e só mulleres. De se suprimir a quenda de noite todas as afectadas serían, por tanto, traballadoras.
Pero ademais, de se substituír, como parece que está previsto, os actuais camións por outros de carga lateral, a empresa podería suprimir tamén a parte do persoal de recollida. As organizacións sindicais calculan que estarían en xogo, xa que logo, máis de 30 postos de traballo.
Por iso o comité da Planta de Lousame reiterou o seu compromiso na defensa de até o último posto de traballo, mais tamén do modelo de xestión, entendo que “a xestión do lixo pode ser unha fonte de riqueza para unha comarca tan necesitada de postos de traballo como é a do Barbanza”.
Represión sindical
Os representantes sindicais da CIG, CCOO e UGT denunciaron ademais a represión sindical da que están sendo obxecto membros do comité e o propio persoal da planta. Nese sentido Rubido denunciou a actitude da empresa concesionaria, FCC, que cualificou como “hostil, acosadora e sancionando a membros do comité, coa única preocupación de instalar cámaras no conxunto da planta co obxectivo de atemorizar ao persoal, pensando que desa forma vai evitar que os traballadores defendan os seus postos de traballo, as súas condicións laborais e o modelo de xestión”.
Mobilizacións e folga indefinida se é preciso
Por iso o comité retoma as mobilizacións “até as últimas consecuencias" para evitar que a Planta de Lousame desapareza, quedando reduza a unha simple planta de transferencia de Sogama, e para evitar que se perdan os postos de traballo. O día 15 convocan en Carnota, ás 12:00 horas, con saída desde a Churrascaría ao concello e o día 19, en Noia, con saída da rúa Alexandro Cadarso, tamén até o concello.
Ademais advertiron que se nas próximas dúas semanas, realizada a manifestación en Noia, non teñen resposta de ningún tipo, nin por parte da mancomunidade, nin por parte da empresa e sentan co comité a negociar o futuro da planta convocarán á asemblea de traballadoras/es para que se ratifique a convocatoria dunha folga indefinida.
O comité manifestou o seu pesar por ter que chegar a adoptar esta medida, máis nun verán no que saben que hai moitos sectores económicos que están realmente necesitados de recuperación da actividade económica, paralizada nestes dous últimos anos pola pandemia, polo impacto que pode ter unha folga de recollida de lixo en concellos costeiros como os da mancomunidade, que no verán multiplican a súa poboación e con todas as festividades programadas e que atraen xente doutros puntos de Galiza.