O comité da planta de Lousame convoca unha xornada de folga para o día 11 de outubro
O comité de empresa da planta de reciclaxe de residuos sólidos urbanos de Lousame compareceu esta mañá en pleno, en rolda de prensa, para anunciar a convocatoria dunha xornada de folga o luns día 11 de outubro e unha manifestación o domingo, ás 12:00 horas, polas rúas de Noia.
Na rolda de prensa o representante da CIG, Paulo Rubido explicou que desde hai ano e medio o comité de empresa presentou un proxecto do que debería ser a planta no futuro tras da finalización do contrato en 2023 e tendo en conta os requirimentos establecidos pola UE en materia de xestión de residuos sólidos urbanos.
A proposta foi presentada a todas as forzas políticas con representación no Parlamento galego e a todos os concellos da mancomunidade para garantir o futuro da planta e a estabilidade de todos os postos de traballo.
Foi precisamente o seguimento desta proposta o que permitiu ao comité comprobar que a mancomunidade carecía de proxecto algún e destapou as graves carencias que poñen en perigo o futuro da planta.
As peores sospeitas confirmáronse e o comité de empresa detectou outra proposta realizada pola propia empresa FCC á mancomunidade na que se prevía a supresión da quenda de noite en triaxe e unha importante redución do persoal en recollida. “Deste xeito desvirtuaríase o modelo de reciclaxe ao modificar o sistema de selección manual actual, que foi o que permitiu situar a esta planta á cabeza de Europa en recuperación”, denunciou Rubido.
Debate parlamentar
O comité de empresa xa puxo en coñecemento desta situación á oposición no Parlamento de Galiza e a raíz do seu debate parlamentar atopáronse que a Xunta manifestou que a planta era inviable por non adecuarse nin aos criterios definidos pola UE, nin os do Ministerio de Transición Ecolóxica.
O comité xa se dirixiu a todas as administracións implicadas para que aclaren esta situación e, en todo caso exixe un proxecto realizado pola mancomunidade e co apoio de todas as administracións que garanta a continuidade do que a día de hoxe é o centro de traballo máis grande da comarca.
O comité insiste en que a planta é viable e defende o seu modelo de xestión de residuos sólidos urbanos, que aínda a día de hoxe segue a ter os mellores datos de recuperación, con moita diferenza na comunidade autónoma.
Demanda dunha proposta de futuro á mancomunidade
O pasado martes, día 5 de outubro, unha representación do comité reuniuse coa directora de Calidade medioambiental da consellaría de Medio Ambiente da Xunta de Galiza. No decurso da xuntanza, a representante da consellaría mantivo a posición da Xunta de desentenderse do futuro da planta, reiterou as afirmacións nas que se asegura que a planta non cumpre cos requisitos nin da consellaría, nin do Ministerio. En todo caso si dixo que se a mancomunidade presenta un proxecto, que o estudarían.
O comité agarda pola xuntanza prevista para este venres co presidente da mancomunidade, o alcalde de Carnota, e reitera que ten que ser a mancomunidade quen elabore unha proposta de futuro e busque financiamento para garantir e mesmo ampliar a actual planta.
O comité actuará con contundencia no caso de que s eleve a cabo a proposta de FCC, que pasa por eliminar postos de traballo.