O comité da concesionaria do mantemento dos parques e xardíns de Vigo reclama a convocatoria dun novo concurso de adxudicación
Dende a representación do cadro de persoal de Althenia sinalan que xa en 2014, cando o Concello publicou o prego de condicións do concurso de adxudicación, se viron obrigados/as a convocar mobilizacións. “Queríamos que se modificara o listado de persoal a subrogar, a subcontratación e a bolsa de horas, e avisamos de que un prego no que se lle dá 94 puntos á oferta económica traduciríase en falta de persoal e mantemento”, lembran.
Deste xeito, optaron por promover dúas folgas e varias concentracións, e lograron a paralización xudicial do concurso en tres ocasións. Na adxudicación descartáronse dúas empresas por baixa temeraria, dándolle o servizo a Althenia por 17.900.000 euros (igual que en 2004). “Os técnicos/as municipais fixeron un informe advertindo que este importe quedaría por debaixo do custe real e non se cubrirían todas as zonas que figuran no prego”, indican.
Ao mesmo tempo, sosteñen que a empresa ten a súa parte de culpa do que está a acontecer no servizo por coller unha concesión por debaixo dos custes, pero insisten en que o responsábel desta situación é o Goberno de Abel Caballero, e en particular o concelleiro de Parques e Xardíns, Ángel Rivas, por priorizar o aforro económico sobre a parte técnica. “Durante os últimos meses sucedéronse os despropósitos por parte do edil: o Xulgado obrigou a admitir a Valoriza e a volver a puntuar o prego, adxudicando a esta empresa o concurso e anulando o contrato actual; isto prexudicou os traballadores/as, xa que non puidemos negociar un novo convenio colectivo”, censuran.
Ademais, aseguran que as informacións recollidas polos medios de comunicación nos últimos días non se corresponden coa realidade, xa que todas as novas zonas que se fixeron con motivo das eleccións municipais, incluídas as do Castro e Castrelos, non están no mantemento por atoparse Althenia sen contrato. Amósanse convencidos/as de que isto terá un custe para os cidadáns porque obriga a contratar a outras empresas para o mantemento. “Temos claro que nestes momentos o estado dos parques é lamentábel, mais os traballadores/as non temos culpa da mala xestión, tanto política como empresarial, e pensamos que coa sanción imposta á empresa o Concello só agrava o problema ao culpala de todo, cando o verdadeiro responsábel é o Goberno local”.
Finalmente, consideran que rescindir o contrato con Althenia resulta difícil ao atoparse anulado, e darllo a Valoriza por 700.000 euros menos só empeoraría as cousas. “Por iso, dende a representación dos empregados/as de Althenia-Xardíns de Vigo solicitamos que se convoque un novo concurso público de adxudicación no que se teñan en conta cuestións económicas, de persoal e técnicas”.