O comité da térmica de Meirama péchase no Concello de Cerceda
O comité de empresa de Meirama vén de pecharse no Concello de Cerceda para exixir de Gas Natural os investimentos necesarios para dar cumprimento á directiva europea que obriga a reducir as emisións contaminantes e que a central poida seguir funcionando máis alá de 2020. Ademais demandan da Xunta que presione á multinacional para que cumpra cos seus compromisos e do concello que aprobe unha moción en apoio á continuidade da actividade e do emprego. O comité advirte que de Meirama dependen 100 postos de traballo directos, outros tantos das auxiliares e os negocios xerados arredor da empresa.
O presidente do comité de Empresa, Bautista Vega Tato, lembra que en xaneiro de 2015 o Consello de Administración de Gas Natural Fenosa, reunido en Compostela e presidido polo daquela presidente da eléctrica, Salvador Gabarró, acordou realizar as obras de transformación necesarias para adaptar ás exixencias comunitarias a central de carbón de Meirama. “Daquela o Presidente da Xunta apresurouse a anuncialo en rolda de prensa acompañado polo propio Gabarró. Agora queremos que se lembre disto e obrigue á empresa a cumprir”.
Vega Tato subliña que Galiza, durante moitos anos, “sufriu as consecuencias da produción de enerxía eléctrica por queimar lignito pardo e seguimos pagando a corrente como todo o Estado, a pesar de que hai comunidades que non producen un só quilowatio”. Porén, denuncia, “agora que se podería producir reducindo moi considerablemente a contaminación, por falta de investimento, podería obrigarse a pechar a planta de Cerceda”.
Normativa europea
A directiva europea de emisións industriais entrou en vigor en 2016. Dá ás empresas un prazo máximo para facer as reformas necesarias para reducir esas emisións. Do contrario, obriga a pechar as plantas que non se adapten aos requisitos previstos. Aquelas que se acolleron ao Plan Nacional Transitorio teñen até o 2020 para adaptarse e facer os investimentos necesarios. Hai outro plan, que sería por exención por vida útil e que afecta a centrais que terían que deixar de producir a partir do 2023 ou de 17.500 horas.
Meirama acolleuse ao primeiro Plan e, polo tanto, tería que facer esas reformas de adaptación á normativa comunitaria antes do 2020. O presidente do seu comité de empresa lembra que Gas Natural Fenosa xa ten feitos investimentos nalgunhas outras plantas: en León, unha desulfuradora, e en Narcea, en Asturias e que está pendente tamén de pechar a planta de Anllares.
Agardando desde 2015
O presidente do comité sinala que levan desde 2015 agardando por eses investimentos . “Diso van tres anos, os prazos son cada vez máis curtos e non se confirmou, para nada, ese investimento necesario para a instalación de dúas plantas: unha desulfuradora e unha desnitrificadora”.
Vega Tato matiza que as emisións de partículas contaminantes xa se reduciron cando se pasou do lignito pardo ao carbón de importación. “De 1,4 que tiña de xofre, co lignito pardo, ao 0,09 que tería o carbón que se queima actualmente”.
Asegura que con estas nova instalacións reduciríanse as emisións de xofre a atmosfera, en arredor do 90% e as de hidróxido de nitróxeno nun 80%, aproximadamente, co que se garantiría que a central, que “é absolutamente competitiva”, puidera continuar coa súa actividade até 2040 ou 2050.
Centos de postos de traballo
Da planta de Meirama dependen 100 postos de traballo directos, que forman parte do cadro de persoal da empresa principal, e outros tantos de auxiliares, ademais dos indirectos, dos negocios que viven a carón da central: provedores, restaurantes… que suman, segundo explica o presidente do comité, “moitos miles de persoas”.
O peche do comité no concello de Cerceda é a primeira mobilización. Xa mantiveron conversas coa empresa, pero “como de momento non nos confirman, só nos din que non está desbotado, temos que demandar unha actuación xa”.
De non recibir unha resposta advirten que seguirán coas mobilizacións. “Hoxe está o comité estritamente, logo sumariamos ás empresas auxiliares e a todo o mundo implicado”.