O comité da adxudicataria de centros socioculturais de Santiago denuncia trato “discriminatorio” do concello
O comité de empresa de Arasti Barca MA, SL, adxudicataria do servizo de dinamización da rede de centros socioculturais do concello de Santiago, denuncia a decisión “arbitraria e discriminatoria” do goberno municipal de obrigar ao persoal desta empresa a asumir todo o servizo o sábado de Semana Santa, cando até o de agora nunca se fixera así. Denuncia ademais que mantivo pechados aqueles centros cuxa apertura dependía de persoal municipal –que tivo o día libre- mentres que abriu os outros.
Segundo explica o comité, a Concelleira de Servizos Sociais Concepción Fernández Fernández, nomeada tamén de Centros Sociocultuais dende novembro do ano pasado por baixa de Branca Novoneyra, tomou a decisión, o pasado luns día 10 de abril, de que o sábado de Semana Santa o persoal municipal non fose a traballar, mentres que o persoal da empresa tiña que asumir todo o servizo. Unha decisión que mesmo obrigou a reubicar ao persoal daqueles centros que estaban pechados.
O comité asegura que “tal decisión implicou unha reorganización na rede, que non se notificou á empresa adxudicataria que tivo que poñerse, o martes 11 de abril, non sen dificultade, en contacto coa concelleira ao enterarse, pola vía do rumor que había un cambio para o sábado”. Isto xerou un malestar nos traballadores e incertidume na planificación das súas vacacións, xa que ata última hora do mércores 12 a decisión non foi confirmada polo Concello, tras as diferentes peticións dos traballadores de que se reconsiderara esta decisión, xa que a consideraban discriminatoria e arbitraria.
“Os anos anteriores, nunca se abriron os centros. Unha decisión que se tomaba en base á pouca afluencia que hai nese día ao estar a meirande parte da cidadanía santiaguesa desfrutando das vacacións de Semana Santa. Ademais supoñía un aforro tan necesario nestes tempos de recortes e unha mellor organización do servizo”, afirma o comité.
Discriminación do persoal da adxudicataria
O comité de empresa de Arasti Barca MA. SL. considera que esta é unha decisión “discriminatoria” cara os traballadores/as da rede de centros socioculturais “sen precedentes”. Por iso denuncian que “esta é a gota que colma o vaso para un persoal que leva máis de un ano esperando un contrato que non sae, cos prexuízos que iso supón para os propios traballadores/as que viven nunha situación de incerteza vendo como se deteriora día a día a calidade do servizo”.
Aseguran que a situación da rede de centros socioculturais “é de absoluto desgoberno”. A modo de exemplo lembran a “mala planificación” que houbo co tema das excursións e denuncian que “as decisións estanse a tomar de forma arbitraria e sen ter en conta a realidade dos centros socioculturais”. Situación que afecta directamente aos usuarios e usuarias é a cidadanía de Compostela que xa veu reducida a oferta de actividades neste último período.
“Este desgoberno tradúcese en decisións discriminatorias como a de facer que uns empregados traballen e outros non”, engaden, xa que a decisión de abrir ou pechar un centro para unha mellor organización e aproveitamento do recurso, non ten que ver coa condición de aqueles que traballen nel.
Máis indignante aínda foi que o xoves 13 de Abril os traballadores/as tiveran que ver no Facebook de Centros Socioculturais a seguinte publicación: “Os Locais e Centros Socioculturais de Santiago permanecerán pechados este xoves, venres, sábado e domingo de Pascua. Que teñades unhas boas vacacións todos os que poidades gozar de días libres. Vémonos nas redes de Santiago SocioCultural”
Un anuncio que contribuíu a confundir aínda máis a situación, tanto para traballadores/as como usuarios/as que deron por feito que todos os centros estarían pechados. “Claramente o sábado 15 confirmáronse as expectativas da nula asistencia dos usuarios aos centros socioculturais de Santiago”.
Por todo o que viu pasando máis isto, o comité advirte que “a rede de centros socioculturais é un barco á deriva, cun contrato vencido o pasado 13 de marzo de 2016 e sen vistas de que se vaia a licitar unha nova contratación antes de setembro (segundo aspira o goberno)”.
Xunto a isto sinalan que “a opacidade e neglixencia con que o goberno está tratando este asunto fai que o descontento arraigase nunha rede que sempre se caracterizou pola súa oferta e dinamización e pola calidade do servizo”.