Novo calendario de mobilizacións para esixir a Ferroatlántica que desista nas súas pretensións
O Comité de Ferroatlántica vén de aprobar un novo calendario de mobilizacións para esixir da empresa que desista nas súas intencións de vender as centrais hidroeléctricas, unha vez que a Xunta adquiriu o compromiso de desautorizar a operación, no caso de que se solicite a venda por parte da compañía.
A primeira destas mobilizacións consiste nunha concentración diante da Casa da Cultura do Concello de Mazaricos, este mesmo venres ás 20:30 horas, con motivo da celebración da gala anual dos Premios Nordés, patrocinados por Ferroatlántica. A decisión de levar as protesta a este acto é unha resposta "á actitude de coaccións e manipulación exercida contra as entidades e asociacións da comarca, que recibiron algún tipo de axuda ou subvención por parte da empresa".
Para o xoves día 8 de decembro, ás 10:00 horas, realizarase un marcha a pé que sairá dende a fábrica de Brens até a central do Ézaro e que rematará cunha concentración ás 13:00 horas en protesta contra a decisión empresarial da venda das centrais. No acto despregarase unha faixa na fervenza coa consigna "o río é noso e non de Villar Mir"
Xunto a isto, os venres 16, 23 e 30 de decembro faranse concentracións ás 18:30 horas diante da fábrica de Brens.
Dende a representación do persoal tampouco se descarta a convocatoria de folga, no caso de que a empresa presente o preacordo de venda das centrais na Xunta de Galiza.
Accións no pleno do Comité Europeo
Alén das mobilizacións na comarca, acordouse dar traslado do manifesto asinado pola representación do persoal das fábricas de Cee, Dumbría, Centrais Hidroeléctricas e o Comité de Sabón no seo do Pleno do Comité Europeo de Ferroatlántica, que ten previsto reunirse o vindeiro 14 de decembro. A intención é que o manifesto contra a segregación e venda das centrais se asuma polo resto dos comités de Ferroatlántica que conforman o citado organismo europeo e se faga constar en acta.