O comercio do metal pontevedrés mobilízase na patronal en Vigo polo desbloqueo das negociacións do convenio
O persoal do comercio do metal da provincia de Pontevedra continuou a semana pasada coas mobilizacións para reclamar un convenio colectivo digno e rexeitar a “proposta miserenta” da patronal. Traballadores/as do sector desenvolveron unha manifestación pola rúa do Príncipe en Vigo e logo concentráronse diante da sede da patronal ATRA, onde entregaron escritos asinados polos traballadores/as reclamando o desbloqueo das negociacións.
As centrais convocantes -CIG, CCOO e UGT- cualifican “miserenta oferta” achegada polo empresariado na última reunión: vixencia do convenio dende 2020 a 2023, sen incremento salarial nos dous primeiros anos anos, mentres que para 2022 ofrecen un 6,5% (dende xaneiro e sen revisión salarial) e para 2023 a suba sería do 3% “con revisión salarial topada nun 4%”. A proposta non contempla nin redución de xornada anual nin outras melloras das condicións laborais.
En consecuencia, os traballadores/as e as centrais sindicais tomaron a decisión de comezar unha campaña de información e de mobilizacións. Ao mesmo tempo, adiantaron que non descartan unha posíbel convocatoria de folga para defender os intereses do persoal do sector.
O convenio colectivo do sector do comercio metal abrangue actividades como comercio de electrodomésticos, ferretería e material de oficina; recambios e accesorios de vehículos; almacenistas-maioristas de material eléctrico; maquinaria en xeral; xoiaría, prataría, reloxaría, así como concesionarios de vehículos e establecementos de venda de neumáticos.