O comercio do metal pontevedrés baralla convocar folga tras a ruptura da negociación do convenio
As centrais sindicais CIG, CCOO e UGT, maioritarias no sector do comercio do metal da provincia de Pontevedra, barallan convocar folga a mediados de novembro despois de que a patronal rompese as negociacións para renovar o convenio colectivo ao retirar da mesa a última proposta que achegara. Un nutrido grupo de traballadores/as do sector mobilizáronse hoxe en Vigo para denunciar a actitude de ATRA -unha das dúas asociacións empresariais que participan nas conversas- e reclamar a volta ás negociacións.
A protesta comezou diante de Percar, concesionario de Volskwagen e Audi, na Avenida de Madrid, ás 12:00 horas e a continuación partiu unha manifestación que foi percorrendo os distintos establecementos de automoción, rematando ás portas do concesionario de KIA.
Os sindicatos convocantes anunciaron ao remate da protesta que a semana que vén desenvolverán unha nova mobilización, esta vez na estrada de Camposancos, onde tamén se sitúan distintos establecementos comercializadores de vehículos.
Ao mesmo tempo, as centrais adiantaron a posibilidade de convocar folga no sector a mediados de novembro, unha vez que a patronal ATRA rompeu as negociacións ao retirar da mesa as últimas propostas que presentara. Diante disto, tanto a CIG como CCOO e UGT remitíronlles escritos a todas as empresas nas que teñen representación explicándolles o que está a acontecer como consecuencia da actitude de ATRA. “Entendemos que todas estas empresas deberan estar representadas na mesa porque ATRA lles está a ocultar información sobre a realidade da negociación”, sinala a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández.
A protesta de hoxe e as que terán lugar nos vindeiros días fan parte da campaña de mobilizacións iniciada o pasado 8 de xuño en demanda dun convenio digno, campaña que se intensificará nas vindeiras xornadas se a patronal continúa coa súa actitude inmobilista e insiste en achegar propostas que a CIG cualifica de “miserentas”. De feito, na última proposta o empresariado ofertaba un 0% de aumento de soldo para os anos 2020 e 2021, mentres que para 2022 ofrecía un 6,5% (dende xaneiro e sen revisión salarial) e un 4% para 2023 a 4%, sen revisión salarial.
Redución de xornada
En canto á redución de xornada demandada pola parte social, a patronal contemplaba unicamente 8 horas anuais ou cambialas por un día de libre disposición. “O que nós pedimos é que a revisión salarial con carácter retroactivo e que a redución de xornada sexa de canto menos 8 horas en cada un dos dous últimos anos de vixencia do convenio”, explica Fernández.
O convenio colectivo do sector do comercio metal de Pontevedra (que leva dous anos caducado) abrangue actividades tan diversas como comercio de electrodomésticos, ferretería e material de oficina; recambios e accesorios de vehículos; almacenistas-maioristas de material eléctrico; maquinaria en xeral; xoiaría, prataría, reloxaría, así como concesionarios de vehículos e establecementos de venda de neumáticos.
Para tentar ordenar esta amalgama, as organizacións sindicais propuxeron entrar no convenio provincial de comercio vario que se vén de asinar, pero o empresariado negouse.