O comercio de alimentación ourensán en loita: “Esta batalla ímola gañar!”

Traballadoras/es do sector protagonizaron unha “histórica” xornada de mobilizacións o venres en demanda dunhas condicións laborais dignas
Ourense - 02 Mai 2025

Tal e como advertía a CIG de Ourense o pasado 7 de abril, o “polvorín” no que se ten convertido o comercio de alimentación como consecuencia da precariedade e dos baixos salarios “estourou” este pasado venres 30 nunha xornada “histórica” para un sector que nunca antes protagonizara mobilizacións na provincia en demanda de melloras laborais.

As concorridas protestas diante de establecementos dos tres grupos empresariais que negocian o convenio colectivo (Froiz, Gadis e Cuevas) desenvolvéronse ao longo de boa parte do día, con concentracións pola mañá e pola tarde ao berro de “Esta batalla ímola gañar”. Durante as protestas convocadas pola CIG, CCOO, UGT e USO berráronse tamén consignas como “Emprego digno e con dereitos”, “Non, non, non á explotación” “Queremos traballar e non mendigar”, “O noso sacrificio é o seu beneficio” e “Estamos fartas de ser explotadas”.

A principal reivindicación das persoas traballadoras do sector pasa por pactar un convenio colectivo digno, con condicións laborais equiparadas ao persoal doutras provincias. Xa que no anterior convenio (2021-2024) a suba salarial foi unicamente mediante incrementos lineais de 25 euros en cada unha das 15 pagas o primeiro ano, 27 o segundo e 30 o terceiro e o cuarto. Mentres que o IPC foi do 6,5% en 2021, do 5,7% en 2022, do 3,1% en 2023 e do 2,8% en 2024, polo que cada persoa traballadora perdeu 3838,96 euros.

De xeito que o soldo da categoría intermedia (caixeira/o), por exemplo, foi de 16.198 euros en 2024, cando nestes momentos o salario mínimo está en 16.576 euros, polo que os soldos no comercio de alimentación están por debaixo do SMI. Ademais, é o único sector do comercio de toda a provincia que non ten plus de antigüidade, como así o teñen os de metal ou téxtil.

Diante disto, na xuntanza da mesa de negociación celebrada hoxe a parte social achegou unha proposta que considera razoábel: 18.100 euros ao ano para 2025 e 19.500 para 2026, pero a patronal pretende adiar as subas até 2027 e 2028. “E non acepta integrar o grupo IV no III; só aceptan engadindo un nivel C de incorporación, con promoción ao B nun ano; o que sería similar a seguir cun IV con dificultades de promoción”.

Diante disto, as centrais non descartan intensificar as mobilizacións -incluíndo a posibilidade dunha convocatoria de folga- no caso de que o empresariado non cambie de actitude na vindeira reunión, prevista para este martes día 6.