O comercio de alimentación de Pontevedra suspende a folga ante a última proposta de convenio da patronal
O persoal do comercio de alimentación da provincia de Pontevedra decidiu onte en multitudinarias asembleas celebradas en Vigo e Pontevedra suspender os dous días de folga previstos para este mércores e xoves ante a última proposta de convenio colectivo achegada pola patronal do sector. O empresariado ofrece unha suba salarial total do 13% nos catro anos de vixencia do acordo, con cláusula de revisión salarial a IPC real e con carácter retroactivo.
O avance nas negociacións foi posíbel tras a convocatoria de dous paros de 24 horas lanzada pola CIG, tras o que a patronal convocou ao comité de folga a unha xuntanza o pasado venres na que puxo enriba da mesa unha serie de propostas que finalmente foron aceptadas en asemblea de xeito unánime polas persoas traballadoras do sector. Deste xeito, decidiuse suspender os paros coa intención de seguir negociando para pechar a renovación do convenio.
A proposta da patronal contempla un convenio a catro anos que establece uns incrementos salariais do 5% en 2023, do 3% en 2024, do 3% en 2025 e do 2% en 2026, con cláusula de revisión salarial para cada un dos anos de vixencia con carácter retroactivo, sempre que o IPC real supere estas cantidades.
Tamén ofrece un día máis de vacacións e dous sábados libres ao ano, así como catro días de libre disposición, e acepta varias cláusulas sobre violencia de xénero e igualdade e xubilación parcial. Modifícase a redacción de concorrencia de convenios para que os convenios propios teñan os mesmos salarios que o provincial. Ao tempo que se fixa o comezo das licenzas en días laborábeis e se incorporan as licenzas de 15 a 30 días, sen remunerar, para casos especiais. E introdúcese a promoción da categoría de auxiliar administrativo á de oficial administrativo, entre outras cousas.
Dende a federación de Servizos da CIG salientan que a loita das persoas traballadoras do sector, que secundaron masivamente a xornada de folga convocada o pasado 23 de xuño, e a negociación protagonizada pola central sindical fixo posíbel que a patronal se vise obrigada a poñer enriba da mesa estas melloras, e así se lle trasladou a todas as persoas asistentes ás asembleas celebradas onte. A partir de agora a CIG-Servizos porase en contacto co empresariado para informarlle sobre a decisión adoptada para seguir coa negociación do convenio.