O combate á extrema dereita
É necesario considerar que o sistema capitalista, especialmente en tempos de crise, produce e reproduce constantemente fenómenos como o fascismo, os golpes de estado e os réximes autoritarios, incluíndo os denominados golpes «parlamentarios» que atinxiron América Latina. A raíz destas tendencias é sistémica, e a alternativa debe ser radical, é dicir, antisistémica
Na última década, a extrema dereita reaccionaria, autoritaria ou abertamente fascista estivo en ascenso en todo o mundo. Actualmente goberna ou repunta social e electoralmente na metade dos países do mundo. Entre os casos máis coñecidos cóntanse a presidencia de Trump nos Estados Unidos (2017-2021), Modi na India, Orban en Hungría, Erdoğan en Turquía, Salvini (2018-2019) e Meloni en Italia, Duterte nas Filipinas e Bolsonaro en Brasil (2019-2022).
Noutros países existen gobernos próximos a esta tendencia, aínda que non se definan de forma tan explícita: Rusia baixo Putin, Israel con Netanyahu, Xapón con Shinzō Abe (quen foi recentemente asasinado e gobernou entre 2012 e 2020), Austria, Polonia, Birmania, Colombia (até a chegada de Petro), etc. De feito, a distinción entre estes dous grupos é completamente relativa e desprazábel. E, non só iso, senón que mostra vitais e preocupantes expresións masivas de mobilización e refiguración social.
Neofascismo, non populismo: unha resposta á dereita
Esta extrema dereita ten as súas propias características en cada país. En moitos casos (Europa, os Estados Unidos, A India e Birmania), o inimigo —é dicir, a chibo expiatorio— é musulmán e/ou inmigrante, ou mesmo disidencias políticas ou sociais. En certos países musulmáns son as minorías relixiosas de cristiáns, xudeus ou yazidis. Nalgúns casos, o nacionalismo xenófobo e o racismo prevalecen, noutros o fundamentalismo relixioso ou ben o odio á esquerda, o feminismo, a diversidade sexual ou o consumo de drogas. A pesar desta pluralidade, existen algunhas características comúns á maioría —senón a todas— estas experiencias: o autoritarismo, o nacionalismo fundamentalista de Deutschland über alles [primeiro Alemaña] e as súas variantes locais, como America First, O Brasil acima de tudo, acompañado de intolerancia étnica (racista) e violencia policiaca, militar e familiar como a única resposta aos problemas sociais e o crime.
A caracterización como fascista —ou semifascista— pódese aplicar a algún pero non a todos. Enzo Traverso utiliza o termo posfascismo, que pode ser útil, xa que designa continuidade e diferenza. Pero preferimos utilizar o concepto de neofascismo, que nos parece máis axeitado. O prefixo «neo» indica que se trata de algo novo, que non é idéntico aos fascismos dos anos 30: fáltanlle o corporativismo, os partidos de masas, o exterminio dos adversarios, etc. Pero existen características comúns: o autoritarismo, o culto do «xefe», o nacionalismo reaccionario, o odio á esquerda e a persecución de grupos que serven de «chibos expiatorios».
Ao mesmo tempo, o concepto de populismo, utilizado por algúns politólogos, os medios de comunicación e mesmo unha parte da esquerda, é completamente incapaz de explicar o fenómeno en cuestión e só serve para confundir e mesmo agochar o problema. Se en América Latina, desde a década de 1930 á de 1960 o termo correspondeu a algo relativamente preciso (varguismo, peronismo, etc.), o seu uso en Europa e América Latina a partir da década de 1990 é cada vez máis vago e impreciso.
Trátase dunha palabra que asimila toda unha marea de experiencias e que é conducida ao seu confinamento. A tentación de equiparar experiencias disímiles faise válida mediante un terríbel xogo conceptual, onde se colocan no mesmo plano experiencias democráticas e populares da esquerda e dos movementos populares, que escenarios onde se exacerban os nacionalismos, localismos e mesmo o colonialismo. Desa maneira o combate dilúese e extravía os seus horizontes.
O populismo defínese como unha posición política que apoia o pobo contra a elite, que se pode aplicar a case calquera movemento ou partido político. Cando este pseudoconcepto é aplicado aos partidos de extrema dereita, conduce —voluntaria ou involuntariamente— á súa lexitimación, a facelos máis aceptábeis, evitando os termos problemáticos de racismo, xenofobia, fascismo ou extrema dereita.
O populismo tamén é utilizado de maneira deliberadamente desconcertante polos ideólogos neoliberais para lograr unha amálgama entre a extrema dereita e a esquerda radical, caracterizada como populismo de dereita e populismo de esquerda que se opón ás políticas neoliberais. En Europa utilízase a noción de «euroescépticos» para xerar esta equiparación. É xustamente a rexión onde enfrontamos un muro ideolóxico que é preciso derrubar. En América Latina esa fórmula foi utilizada xa ao demonizar, en aparencia e equivalentemente, a extrema dereita golpista e militarista e a extrema esquerda, que sería, de acordo á súa lóxica, movementista ou guerrilleirista.
Hipóteses posíbeis, feridas a contrarreloxo
Como explicamos este espectacular ascenso da extrema dereita, en forma de gobernos mais tamén de partidos políticos que aínda non gobernan e teñen unha ampla base electoral e inflúen na vida política de países como Francia, Bélxica, Italia, Holanda, Suíza, Suecia, Dinamarca, Brasil e os Estados Unidos e máis? É difícil propor unha explicación xeral para fenómenos tan diferentes que expresan contradicións específicas de cada país ou rexión do mundo; mais como se trata dunha tendencia planetaria, polo menos debemos tentar formular algunhas hipóteses.
Unha explicación para rexeitar sería aquela que atribúe o ascenso da dereita radical ás vagas migratorias, particularmente en Estados Unidos e Europa. As e os migrantes son o pretexto conveniente, a mercadoría no comercio de forzas xenófobas e racistas, mais de ningunha maneira a causa do seu éxito. Ademais, a extrema dereita está a florecer en moitos países: Brasil, A India, Filipinas… onde apenas se fai mención á inmigración.
A explicación máis obvia, e sen dúbida unha relevante, é que a globalización capitalista, que tamén é un proceso de homoxeneización e subsunción cultural brutal, produce e reproduce a escala mundial formas de pánico de identidade (o termo é de Daniel Bensaïd), o que leva a manifestacións nacionalistas e/ou relixiosas intolerantes e favorece conflitos étnicos ou confesionais. Canto máis poder económico perden as nacións, máis proclaman a inmensa gloria da súa nación por riba de todo.
Outra explicación sería a crise financeira do capitalismo, que causou depresión económica, desemprego e marxinación social desde 2008, e que se agudizou atrozmente durante a pandemia destes anos. Este factor pode ser importante para facer posíbel a efervescencia en torno de Trump ou Bolsonaro, pois permitiu impulsar os intereses económicos de certas capas sociais, pero o é menos para Europa: a extrema dereita é moi poderosa nos países ricos menos afectados pola crise, como son Austria ou Suíza, mentres que nos países máis afectados pola crise —como o Estado español ou Portugal—, onde a esquerda e a centroesquerda son hexemónicas, a extrema dereita permanece relativamente marxinal. É importante observar como tamén o pánico á extrema dereita despraza o electorado da esquerda radical cara ao centroesquerda, como ocorreu nas últimas eleccións en Portugal, onde o Bloque de Esquerda e o Partido Comunista retrocederon.
Estes procesos teñen lugar en sociedades capitalistas nas que o neoliberalismo dominou desde a década de 1980, destruíndo os vínculos e solidariedades sociais, profundando as desigualdades sociais, as inxustizas e a concentración da riqueza. Tamén é preciso ter en conta o enfraquecemento da esquerda comunista, tras o colapso do chamado «socialismo realmente existente», sen que outras forzas de esquerda máis radicais logren ocupar este espazo político.
Estas explicacións son útiles, polo menos nalgúns casos, pero son insuficientes. Aínda non contamos cunha análise global para un fenómeno desa dimensión e que ten lugar nun momento histórico particular.
Volta aos anos 30?
A historia non se repite: podemos atopar semellanzas ou analoxías, mais os fenómenos actuais son moi diferentes dos modelos do pasado. Por riba de todo, non temos, aínda, Estados totalitarios comparábeis aos de antes da guerra. A análise marxista clásica do fascismo definiuno como unha reacción do gran capital, co apoio da pequena burguesía, ante a ameaza revolucionaria do movemento obreiro.
Un pregúntase se esta interpretación realmente explica o auxe do fascismo en Italia, Alemaña ou Xapón nos anos vinte e trinta. En calquera caso, non é relevante no mundo de hoxe, onde en ningures hai unha ameaza masiva e abertamente revolucionaria. Sen mencionar o feito obvio de que o gran capital financeiro mostra pouco entusiasmo polo nacionalismo da extrema dereita, aínda que sempre está listo para se adaptar a el cando sexa necesario. Trátase dun panorama histórico moito máis complexo e defensivo na relación entre capital e traballo pois, a pesar da crise económica e o ascenso da extrema dereita, non é posíbel enxergar un movemento proletario potente e radical.
Brasil: un botón de mostra
Quizais o fenómeno de Bolsonaro en Brasil pareza ser o máis próximo ao fascismo clásico, co seu culto á violencia e o odio visceral cara á esquerda e o movemento obreiro; mais a diferenza de varios partidos europeos, desde a FPO austríaca até a FN francesa (agora Rassemblement national, RN), non ten raíces nos movementos fascistas do pasado, representados no caso brasileiro polo AIB liderado por Plínio Salgado na década de 1930.
Tampouco converte o racismo na súa bandeira principal, a diferenza da extrema dereita europea, ou tribais ou relixiosas como no caso dalgunhas tendencias en Asia e África. Certamente, fixo algunhas declaracións racistas, mais este non foi en absoluto o enfoque central da súa campaña. Desde este punto de vista, parécese máis ben ao fascismo italiano da década de 1920, antes da alianza con Hitler.
Observamos varias diferenzas significativas comparando a Bolsonaro coa extrema dereita europea: en primeiro lugar, a importancia do tema da loita contra a corrupción, o antigo cabalo de batalla da dereita conservadora en Brasil, e en diversos países de América Latina, desde a década de 1950. Bolsonaro logrou manipular a indignación popular lexítima contra os políticos corruptos. Este tema non está ausente no discurso da extrema dereita en Europa, mais está lonxe de ocupar un lugar central.
Segundo, o odio pola esquerda ou o centroesquerda (o PT brasileiro, por exemplo) foi un dos principais temas de mobilización de Bolsonaro. Atópase menos en Europa, agás nas forzas fascistas das antigas democracias populares. Pero neste caso, é unha manipulación (demonización) que se refire a unha experiencia real do pasado. Nada como isto en Brasil: o discurso violentamente anticomunista de Bolsonaro (ou doutra tendencia neste continente, como ocorre en Venezuela ou mesmo en México) non ten nada que ver coa realidade brasileira presente ou pasada. É aínda máis abraiante, xa que a Guerra Fría terminou hai décadas, a Unión Soviética xa non existe, e o PT (ou mesmo Morena ou o PSUV) obviamente non ten nada que ver co comunismo (en todas as definicións posíbeis deste termo).
En terceiro lugar, mentres que a extrema dereita europea denuncia a globalización neoliberal, especificamente en contra da Unión Europea, en nome do proteccionismo e o nacionalismo económico e se pronuncia contra das finanzas internacionais, Bolsonaro presentou un programa económico ultra neoliberal e mesmo neocolonial: máis mercado, apertura ao investimento estranxeiro, privatizacións e un aliñamento total coas políticas de Estados Unidos. Isto, sen dúbida, explica a masiva concentración das clases dominantes na súa candidatura, unha vez que se notou a impopularidade obvia do candidato da dereita tradicional Geraldo Alckmin.
O que teñen en común Trump, Bolsonaro e a extrema dereita europea son tres temas de axitación sociocultural reaccionaria: primeiro, o autoritarismo, a adhesión a un home forte (un reforzamento patriarcal), un líder, capaz de restaurar a orde e a xustiza. Segundo, unha ideoloxía represiva, que inclúe o culto á violencia policial, así como un agravamento da orde xurídica. Por exemplo, reclamar a restauración da pena de morte e a distribución de armas á poboación para a súa defensa contra os delincuentes e as persoas designadas como perigosas. Terceiro, intolerancia contra as minorías sexuais, especialmente as persoas LGBTI, o dereito das mulleres a decidir sobre o seu propio corpo, especificamente no caso do aborto. Trátase de temas que teñen certo éxito en convocar a sectores relixiosos reaccionarios, xa sexa católico en Francia e México ou neopentecostalista en Brasil.
Estes tres ámbitos, xunto coa guerra contra a corrupción, foron decisivos para a vitoria de Bolsonaro no seu momento e continúan sendo a unha sólida base para o seu movemento grazas á difusión masiva de noticias falsas nas redes sociais (queda por explicar, en termos éticos e sociais, por que tanta xente creu estas mentiras xigantescas). Pero aínda nos falta unha explicación convincente do incríbel éxito da súa candidatura e en xeral do seu movemento, a pesar da violencia e brutalidade dos seus discursos da guerra civil, a súa misoxinia, a súa falta de programas e a súa descarada defenda da ditadura militar e a tortura.
Antifascistas, hoxe e sempre
Como loitar contra isto? Non existe unha fórmula máxica para loitar contra esta nova vaga parda. O chamado realizado por Bernie Sanders para a xeración dunha Fronte Antifascista Mundial é unha proposta excelente, e reclamamos a súa vixencia. Ao mesmo tempo, débense formar amplas coalicións en defensa das liberdades democráticas en cada país en cuestión.
De feito, a esquerda radical de Estados Unidos e as doutros países experimentan un florecemento moi interesante en torno ao antifascismo. Pasando pola mocidade libertaria, procedente de diversas tendencias, pero propensa a se unificar ao redor da táctica do black bloc e de diversas organizacións como o crecemento de Socialistas Democráticos de América (DSA), as mocidades trans que se abren paso no medio de cercos que aínda perviven, Blacks Lives Matter, entre moitas outras experiencias. É posíbel anunciar un renovado espírito que se alimenta das entrañas das contradicións anticapitalistas e renova as propias posibilidades dunha esquerda radical de masas.
É necesario considerar que o sistema capitalista, especialmente en tempos de crise, produce e reproduce constantemente fenómenos como o fascismo, os golpes de estado e os réximes autoritarios, incluíndo os denominados golpes «parlamentarios» que atinxiron América Latina. A raíz destas tendencias é sistémica, e a alternativa debe ser radical, é dicir, antisistémica. En 1938, Max Horkheimer, un dos principais pensadores da Escola de Frankfurt, escribiu: «Se non queres falar sobre o capitalismo, non tes nada que dicir sobre o fascismo». Noutras palabras, o antifascismo consistente e consecuente é necesariamente anticapitalista.
[Artigo tirado do sitio web Jacobin, d0 17 de abril de 2023]