O colexio Salvador Moreno de Pontevedra vulnerou os principios de igualdade, mérito e capacidade
O TSXG vén de dar a razón á CIG-Ensino na denuncia por vulneración dos principios de igualdade, mérito e capacidade e de liberdade ideolóxica no sistema de acceso a unha praza no colexio Salvador Moreno de Pontevedra. “É inconcibíbel que no século XXI o Ministerio de Defensa continuara da man da igrexa católica pretendendo saltar as normas que rexen para toda a cidadanía, e exixindo requisitos de idoneidade da igrexa católica para impartir aulas nun centro pagado con diñeiro público”, afirma o seu secretario nacional, Suso Bermello.
Ao final do curso 2014/2015 a CIG-Ensino foi convocada pola Subdelegación de Defensa de Pontevedra para formar parte do proceso selectivo para a cobertura dunha praza de persoal laboral temporal, titulado/a medio de actividades específicas, grupo 2, mestre/a de educación primaria, no centro de educación primaria e ESO “Salvador Moreno” de Pontevedra. Unha convocatoria na que se especificaba, no anexo 2 das bases e requisitos a cumprir polos candidatos e candidatas, a condición de “estar en posesión da Declaración Eclesiástica de Competencia Académica (DECA) de educación primaria”.
Ante isto, a CIG-Ensino negouse a formar parte deste proceso de selección, considerando que:
- O principio de igualdade de trato, de oportunidades e de non discriminación no acceso ao emprego público está sustentado en toda a lexislación.
- Entre os dereitos e liberdades fundamentais do traballador e traballadora, e tamén do candidato e candidata a un emprego, está o dereito a liberdade ideolóxica, relixiosa e de culto, prevista en diferente normativa e na propia Constitución Española.
- Esta liberdade ideolóxica ten unha dobre dimensión: por un lado, afecta ao foro interno, traducíndose no dereito de todas as persoas a adoptar unha posición intelectual determinada fronte á vida e, por outro, afecta á esfera externa, permitindo expresar as ideas propias, sen sufrir ningún tipo de sanción, demérito, compulsión ou inxerencia por este motivo, tal e como o estabeleceu a sentenza do Tribunal Constitucional 120/1990.
- Por outra parte, a directiva 2000/78/CE determina un marco xeral para a loita contra diferentes tipos de discriminación, entre outras, por motivos de relixión ou conviccións, sendo de aplicación ás condicións de acceso ao emprego, tanto no sector público coma no privado (art. 3.1.a).
- Para a CIG-Ensino, este proceso selectivo -convocado pola Administración pública e, por tanto, suxeito á normativa de acceso á función pública- non só vulnera a liberdade ideolóxica, senón tamén os principios de igualdade, mérito e capacidade, por non se ter feito pública a súa convocatoria e por estabelecer o requisito de estar en posesión do DECA, que supón un monopolio encuberto no acceso á función pública para un determinado colectivo, xa que este certificado só é estendido pola autoridade eclesiástica.
Caso omiso de Defensa e Educación
A CIG-Ensino solicitoulle á Subdelegación de Defensa de Pontevedra a anulación do proceso selectivo desta praza no colexio Salvador Moreno, a revogación das bases polas que se lles pedía aos candidatos e candidatas o requisito de estar en posesión da Declaración Eclesiástica de Competencia Académica de educación primaria e a publicación, en todo caso, da convocatoria e das bases do proceso selectivo.
Por ser este un tema sumamente grave, a CIG-Ensino tamén se dirixiu ao conselleiro de Educación, en canto máxima autoridade educativa en Galiza, para que interviñese e impedise a continuación deste procedemento ilegal e contrario aos dereitos fundamentais e para que inicie os trámites necesarios a fin de que este centro sexa transferido á Consellaría de Educación.Tanto a Subdelegación de Defensa de Pontevedra, como a Consellaría de Educación fixeron caso omiso da reclamación da CIG-Ensino, polo que presentamos denuncia no xulgado.
Agora, dous anos despois o TSXG dá a razón polos dous motivos, tanto porque non podían pedir a idoneidade do Bispo para o posto de mestre de primaria (DECA), como porque tiñan que terlle dado publicidade ó procedemento selectivo, no boletín oficial.