O colectivo de xubilados e pensionistas da CIG lanza unha campaña en defensa da sanidade pública
O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG vén de lanzar unha campaña en defensa da sanidade pública e para denunciar “o dificultoso camiño das persoas maiores para seren atendidas”. Durante os meses de abril e maio levarán a cabo repartos informativos para rematar con mobilizacións, o 29 de maio, nun centro de saúde en cada comarca; o 12 de xuño, con concentracións no hospital principal en cada comarca e o 20 de xuño, cunha concentración nacional no SERGAS.
O colectivo denuncia a situación de desmantelamento e privatización na que o goberno da Xunta ten a sanidade pública galega, que fai que para unha persoa maior sexa cada vez máis difícil ter unha atención digna e áxil dos seus problemas de saúde. “Cando unha persoa ten un problema de saúde está nunha situación de vulnerabilidade que, cando se trata dunha persoa maior, se multiplica e supón un enorme trastorno e unha situación que pon a súa vida patas arriba”, explican.
Se isto non supuxera xa dificultade abondo, polo camiño van atopando diferentes obstáculos entre os que denuncian o propio acceso ao sistema de saúde. “Para moitas persoas maiores acadar cita mediante unha chamada que é atendida por recoñecemento de voz, xa non digamos a través da app ou da páxina web do SERGAS supón unha dificultade engadida”.
Listas de agarda de até 15 días
A isto suman a situación “terríbel” da Atención Primaria. Lembran que se están dando casos de listas de agarda para primeira consulta de até 15 días e subliñan que nunha situación de perda de saúde, ter que agardar todo ese tempo “pode supoñer importantes cambios ou agravamentos, máis cando falamos de persoas de certa idade ou con pluripatoloxía”.
Denuncian, canda isto, que cando se tramita unha solicitude para unha consulta cunha especialidade médica, desde o SERGAS non da unha data, senón que indican que “xa chamarán”, sen que haxa ningún tipo de resgardo ou xustificante que recolla que esa persoas está agardando a ser chamada para esa cita”.
A este respecto denuncian que “poden pasar meses até que se recibe esa chamada” e que se dan moitos casos en que cando chega “a persoa maior recíbea nun móbil, ou sen ter a man onde anotar, o que pode supoñer erro á hora de reter a información sobre a cita”. Por iso reclaman unha comunicación oficial por escrito onde poder consultar, para evitar equívocos que a leven a perder a cita.
Consideran ademais grave que mentres están nesa situación non computan como en situación de agarda. “O SERGAS oculta datos das persoas que están a espera de consulta ou de exploracións complementarias deixándoas sen cita e informándoas de que quedan nese buzón á espera de ser citadas”.
Listas de agarda para consultas con especialistas, probas e operacións
O colectivo afirma que as listas de agarda para atención especializada, probas diagnósticas como radioloxía ou colonoscopias, ou as intervencións cirúrxicas, son moito máis altas que as que publica o SERGAS”.
Apuntan que o marco legal permite que existan 3 listas de agarda diferenciadas: para doentes en espera estrutural -en espera para ser intervidos- ; doentes en espera tras rexeitamento á proposta de intervención nun centro alternativo -pendentes dunha intervención cirúrxica cuxa espera é motivada pola libre elección do cidadán- e doentes transitoriamente non programables, -en espera médica por motivos clínicos ou por motivos persoais ou laborais.
Porén, afirman, “o SERGAS só publica datos de doentes que se atopan na primeira lista e omite os datos de quen rexeitaron a intervención na sanidade privada”. Acusan ao SERGAS de “penaliza” a estas persoas e de metelas nunha lista ‘b’”. Unha situación que, din, “provoca indefensión, sen transparencia na xestión desa lista e sen que conte nos datos do SERGAS”.
Entenden que cando unha persoa maior ten que agardar meses, anos, por unha proba ou por unha operación “non só empeora a súa situación de base senón que, ademais, deixa de ter unha existencia activa e normal, algo que en moitos casos acurta esperanza de vida”.
Por iso, o colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG denuncian a actual situación de desmantelamento e privatización á que o goberno do PP ten sometida a sanidade pública e exixen a reversión das privatizacións e o reforzamento dos orzamentos destinados á sanidade pública, mellorando a carteira de servizos, sobre todo na Atención Primaria, e incrementando o persoal necesario para que a atención sanitaria na Galiza sexa acorde co mantemento dunha vida digna e activa e coa prevención da dependencia nas persoas maiores.