O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG mobilizarase este xoves por unhas pensións dignas
O colectivo de pensionistas e xubilados/as da CIG convoca mobilizacións para o vindeiro xoves, día 4 de marzo, nas sete cidades galegas e Cangas. Demanda, entre outras cuestións, que se equipare a contía da pensión mínima ao SMI, un servizo público galego de atención ás persoas; o incremento dos orzamentos destinados á atención á dependencia e un aumento de prazas públicas de Centros de Día e Residencias.
Concentracións colectivo xubilados/as
Ourense: 11.30h diante do INSS
Lugo: 11h, Edificio Xunta
Vigo: 11h Farola de Urzaiz
Cangas: 11.30h diante do Concello
Ferrol: 11h, diante do INSS
Santiago: 11h, praza do Toural
A Coruña: 11h, Subdelegación do Goberno
Pontevedra: 11h praza da Peregrina
As pensións galegas seguen sendo as segundas máis baixas do Estado. Máis da metade das persoas pensionistas na Galiza cobran menos de 706€. Unha situación que empeora no caso das mulleres porque a pensión media dun galego é case 300€ maior que a dunha galega. Das persoas que teñen as pensións máis baixas, máis do 60% son mulleres.
Estes datos xa xustificarían, para o colectivo, as mobilizacións. Porén nas súas demandas van máis alá. Exixen a derrogación das reformas das pensións de 2011 e 2013 e das reformas laborais que tanto o PSOE como o PP impuxeron no seu momento. Entenden que é así como se pode garantir a viabilidade do sistema público de pensións e entenden tamén que tan só depende de que haxa vontade política.
O colectivo está pendente ademais dos contidos da anunciada reforma das pensións que, todo parece indicar que consolidará os peores aspectos das reformas de 2011 e 2013.
Servizo Público de Atención ás Persoas
Ademais o colectivo defende a necesidade de que se cree un Sistema Público de Atención ás Persoas que integre as residencias da terceira idade, centros de día, de atención á discapacidade, axuda no fogar ou servizos como as Casas Niño, Casas da/o Maior, Xantar na Casa. Unha rede única de xestión, 100% pública, dotada tanto das infraestruturas como dos medios materiais e de recursos humanos necesarios.
Para conseguilo a CIG promoveu unha Proposición non de Lei de Iniciativa Popular para a que xa botou a andar a recollida de sinaturas, que se desenvolverá nos vindeiros catro meses. Un período no que a central sindical ten previsto realizar actos diversos en vilas e cidades do país para sumar os máximos apoios para esta iniciativa.