O colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG celebra a súa I Xornada de Debate e Convivio
O Colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG celebrou este venres a súa I Xornada de Debate e Convivio, na Nave de Vidán, en Compostela. Un encontro no que debateron sobre a necesidade de defender o sistema público de Pensións e respecto da situación da atención á dependencia, para analizar as súas deficiencias e apuntar as demandas do colectivo a este respecto. Tras do debate comezou a xornada de convivio, cun xantar e sobremesa musical.
O obxectivo desta xornada era, como explicou o portavoz, Xepe Torres, “xuntarnos, porque case sempre facemos as asembleas e as mobilizacións nas comarcas” e poder debater, en vivo e en directo, xubiladas/os e pensionistas de toda Galiza, sobre todas as cuestións, de forma conxunta.
Os temas a debate na xornada da mañá xiraron arredor do sistema público de pensións, no que fixo unha primeira exposición o secretario confederal de Emprego e Negociación Colectiva, Francisco González Sío, quen analizou a súa evolución e o seu progresivo deterioro por mor das sucesivas reformas, aplicadas indistintamente polo PP e o PSOE. Reformas que teñen dificultado, por unha banda, acceder a unha pensión e, pola outra, reducido a súa contía.
No referido á atención á dependencia, foi a secretaria de Organización da CIG, Susana Méndez, quen deu conta do periplo que unha persoa ten que percorrer para que se lle recoñeza, primeiro, un grao de Dependencia e as dificultades para conseguir, despois, calquera tipo de axuda, prestación ou servizo. Méndez analizou tamén as deficiencias do sistema e o interese que hai por convertelo nun negocio para beneficio de empresas privadas.
A partir de cada unha das exposicións abriuse unha quenda de debate na que as e os participantes puideron opinar e facer achegas sobre ambas as cuestións.
Mobilizacións constantes
Xepe Torres lembrou, ao inicio da xornada, que o colectivo vén mobilizándose desde hai varios anos contra as reformas das pensións. “Desde a reforma do PSOE, con Zapatero, que acometeu o primeiro grande machadazo ao sistema público de pensións a CIG vén manifestándose contra todos os recortes que se foron introducindo”, explicou. Reformas que, apuntou, “implican máis anos de traballo e peores pensións”.
Mais tamén lembrou as numerosas mobilización contra a exclusión dixital de importantes colectivos, entre eles o de maiores, que vén dificultadas as súas relacións coas distintas administración a consecuencia do proceso de dixitalización. “As persoas de certa idade quedamos arrinconadas para a atención na banca, na administración ou mesmo no sistema sanitario”.
Nese sentido sinalou que “ter que pedir agora por teléfono ou por internet unha cita cando antes podías achegarte e facer cola se era necesario, pero cunha atención personalizado, é un problema”.
E xunto a estas cuestión apuntou tamén as mobilizacións pola atención sanitaria que, dixo, “para nós é prioritaria porque ao chegar a certa idade todos temos achaques e vemos como, pouco a pouco a sanidade vai empeorando”.
Ademais, lembrou a campaña promovida pola CIG, por un Sistema Público Galego de Atención ás Persoas, que mesmo deu nunha Iniciativa que foi levada ao Parlamento e rexeitada polo Partido Popular.
Cuestións, todas estas, polas que o colectivo sempre saíu á rúa e polas que, como hoxe acordaron, seguirán saíndo porque, tal e como salientaron no debate, son dereitos que non se poden perder.
A xornada, tras do xantar, rematou coa actuación musical dun grupo de compañeiros e compañeiras de Vigo que amenizaron a tarde tocando unhas pezas.