O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG apoia a manifestación de Emigrantes Retornados/as
O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG manifesta o seu apoio á manifestación convocada pola Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados/as, para o vindeiro venres, día 12 de abril, que sairá ás 11:30 horas da Praza de Praterías para rematar no Parlamento de Galiza onde farán entrega dun documento no que se recollerán as reivindicacións de todas as plataformas.
Con esta manifestación reclaman do goberno da Xunta información respecto das xestións realizadas a partir das iniciativas aprobadas por unanimidade polo Parlamento de Galiza nas que se recollían as súas demandas. Reclaman ademais xustiza e igualdade nas pensións e a derrogación tanto á lei 24/2014 da reforma fiscal do PP como a lei 35/2006 do IRPF.
O colectivo de emigrantes retornados/as loita desde hai anos pola derrogación destas leis que fan que sufran unha dobre penalización: por seren pensionistas e por seren emigrantes, xa que esta condición obriga a que teñan maior carga tributaria e mesmo foran obxecto de multas dado que no seu día non se lles informou de que as súas pensións doutros estados contaban como un segundo pagador.
Así, as Plataformas de EmigrantesRetornados/as veñen defendendo durante todos estes anos unhas pensións públicas dignas e téñense sumando ás diversas mobilizacións convocadas polo Colectivo de Xubilados/as e pensionistas da CIG, nomeadamente á convocada o pasado 26 de xaneiro.