O Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas exixe que se aprobe xa a suba das pensións
O Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG mobilizouse este martes nas sete cidades e nas Pontes (onde realizaron unha caravana de vehículos) para reclamar que se aprobe de inmediato a revalorización das pensións para este ano 2025. As protestas repetiranse todos os martes, coincidindo coa celebración do Consello de Ministros e Ministras, e a pretensión é estendelas ao resto do país manténdoas até que se aplique o incremento do 2,8% previsto.
Denuncian que despois do bloqueo por parte do PP, VOX e Junts no Congreso dos Deputados/as do decreto que contemplaba a suba das prestacións, "se non hai cambios, no mes de febreiro as nosas pensións vanse ver reducidas porque se lles vai restar a suba do 2,8% que agora en xaneiro se lles incrementou".
O Colectivo lembra que o pasado mércores 22, o Goberno do Estado levou ao Congreso un decreto que contiña un paquete variado de medidas e normas, entre as que estaba a revalorización das pensións para este ano, coa pretensión de "obrigar dalgún xeito" a que se votara a favor e se validaran todas as medidas que contiña.
"Pero o que sucedeu foi todo o contrario. Ese decreto foi votado en contra por PP, VOX e Junts, o que supuxo botar abaixo, entre outras medidas, a suba das nosas pensións. Porque a estas formacións políticas non lles importa se as pensións son ou non son suficientes para poder vivir con dignidade, non lles importa que as persoas pensionistas poidan recuperar parte do poder adquisitivo perdido", criticaron.
Ataque permanente ao sistema público
"Goberne quen goberne, o desmantelamento do sistema público de pensións non cesa", alertou o Colectivo, que cualifica o sucedido como "un episodio máis do disparate no que se ten convertido o xogo político entre o PP e o Goberno do Estado". Especialmente tendo en conta que nesa mesma sesión "o PP e o PSOE non tiveron problemas en coincidir" votando a favor dun decreto que supón un novo recorte no sistema público de pensións, poñendo fin á xubilación parcial aos 61 anos e continuando na senda da perda de dereitos para a clase traballadora.
Esta medida, como todas as reformas que de xeito continuado están a desmantelar as pensións públicas (atraso da xubilación aos 67, aumento do tempo de cotización mínima, etc.) chegaba ao Congreso co pacto social da patronal e CCOO e UGT, "que continúan entregando os nosos dereitos no diálogo social".
O Colectivo da CIG leva tempo denunciando a situación de desmantelamento do sistema público de pensións que se está a levar a cabo desde os Gobernos do Estado, "sexan agora do PSOE e Sumar, como antes foron do Partido Popular". E neste senso, denuncian tamén o cambio no índice de revalorización das pensións, pasando do IPC acumulado ao IPC medio, o que supuxo perda de poder adquisitivo.
Por iso, reivindicaron pensións dignas, que se aprobe xa a revalorización "das pensión, se deixe de utilizar as nosas pensións no xogo entre PSOE e PP, e que se deixen de vender os nosos dereitos no diálogo social".