O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas chama a participar na folga xeral para reclamar medidas fronte á carestía da vida
Este xoves mobilizáronse nas sete cidades baixo o lema “Somos maiores, tamén queremos vivir dignamente”
O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG mobilizouse este xoves nas sete cidades baixo o lema “Somos maiores, tamén queremos vivir dignamente” para reclamar dos gobernos español e galego un plan de choque urxente con medidas fronte á actual carestía da vida. Nas protestas, fíxose tamén un chamamento a reaccionar ante esta situación e participar na folga xeral do vindeiro 11 de novembro para evitar que “a clase traballadora galega sexamos quen paguemos, máis unha vez, esta nova crise, como pasou coas crises anteriores”.
Dende o colectivo denuncian que o medre constante e imparábel dos prezos fai máis difíciles as condicións de vida, levando á ruína o pobo e as clases traballadoras. “As persoas maiores vémonos especialmente afectadas pola suba da electricidade, dos combustíbeis e de moitos produtos de primeira necesidade, ao que hai que engadir os elevados custos da vivenda, unha grave deterioración dos servizos públicos e un retroceso nas políticas sociais”.
Por iso, demandaron a aprobación por lei de prezos populares en produtos básicos de alimentación; prezos xustos para quen os produce; e actuacións “contra quen especula nos mercados, contra as empresas enerxéticas e do comercio de alimentación”. Ademais, reclamáronlle aos gobernos medidas para garantir o dereito á vivenda e ao subministro enerxético “ás persoas maiores con ingresos igual ou inferiores ao salario mínimo interprofesional”.
Unha suba descontrolada dos prezos, agravada pola sequía, pero provocada polas guerras imperialistas e a ofensiva belicista que os Estados Unidos teñen en marcha, que conta coa obediencia da Unión Europea e co entreguismo do Estado español. Perigosa deriva militarista que está a aumentar escandalosamente o gasto militar dos Estados e o criminal papel da OTAN.
Revalorización das pensións e un sistema de atención público
Nas concentracións púxose en valor que as persoas xubiladas e pensionistas “tamén somos parte desa Galiza que está en loita por unha vida digna” e incidiuse en que outras políticas públicas “son necesarias e posíbeis”.
Neste senso, o colectivo reivindicou a revalorización das pensións para 2027 conforme ao IPC acumulado a final de ano e a recuperación do poder adquisitivo que se perdeu coa introdución no ano 2021 do índice do IPC medio. E fixar por lei a pensión mínima igual ao SMI, que se debe elevar até o 60% do salario medio no estado, tal e como recomenda a Carta Social Europea para poder garantir un nivel de vida decente.
Outra das demandas referiuse á creación urxente dun Sistema público galego de servizos de atención ás persoas, integrado por unha única rede pública de centros asistenciais e residenciais da terceira idade, centros de día, centros de atención á diversidade, Servizos de Axuda no Fogar e outros servizos; e que se priorice a atención a través desta rede de recursos públicos antes que as axudas económicas. Ademais, pediron eliminar os repagamentos na atención e coidados e aprobar unha carteira de servizos e prezos públicos.
Frear o proceso de privatización e desmantelamento da sanidade pública galega, reforzar a atención primaria, reducir as listas de agarda e garantir unha atención sanitaria públicas, universal e de calidade “que respecte os dereitos das persoas maiores e do conxunto da poboación”, foron outra das demandas que se escoitaron durante as mobilizacións.