O Colectivo de Pensionistas e Xubilados/as da CIG sae ás rúas en demanda dunha sanidade pública forte
Xubilados/as e Pensionistas da CIG concentráronse esta mañá diante de centros sanitarios das sete cidades contra a privatización e desmantelamento da Sanidade Pública, polas graves consecuencias que isto ten para un colectivo que, dada a súa idade, é especialmente vulnerábel e precisa dunha atención sanitaria digna para facilitar a súa calidade de vida. Xunto a isto reclamaron unha suba das pensións acorde ao IPC real.
O colectivo de xubiladas/os e pensionistas da CIG leva anos denunciando a privatización e desmantelamento da Sanidade Pública. Por iso hoxe decidiron trasladar as súas mobilizacións a centros sanitarios, lembrando como a chegada da pandemia puxo en evidencia as carencias que este desmantelamento deixou neste servizo indispensábel e como foi o persoal, os e as profesionais da Sanidade Pública, quen sostiveron co seu esforzo e a costa moitas veces da súa propia saúde a atención sanitaria durante estes momentos críticos.
O colectivo recoñeceu ademais, como se recolle no manifesto ao que deron lectura ao remate das mobilizacións, o estado de esgotamento no que se atopa o persoal da Sanidade nunha situación de esgotamento. E denunciou que aquí é onde se ven máis claramente “as consecuencias das políticas privatizadoras do Partido Popular: enormes listas de agarda tamén na Atención Primaria; falta de profesionais; peche de centros; saturación dos servizos de urxencias...”
Diante desta situación, o Colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG vén, desde hai tempo, demandando unha atención digna ás persoas, sobre todo, nos momentos en que son máis vulnerábeis. E a enfermidade é un deses factores que os fai vulnerábeis, por iso a atención sanitaria debe de ser a mellor posíbel, prestada desde unha Sanidade Pública forte, con persoal e infraestruturas suficientes e adecuadas.
Suba salarial co IPC real
No decurso das mobilización denunciaron tamén a perda de poder adquisitivo que acumulan as súas pensións, que son as segundas máis baixas do Estado, e reclamaron a derrogación tanto da reforma das pensións como das reformas laborais. Nese sentido lembraron que en xaneiro do ano pasado entrou en vigor a reforma das pensións que, segundo anunciou o goberno central, recuperaba a revalorización das pensións anualmente de acordo ao IPC.
Malia isto denunciaron que “esa revalorización ten truco” e que a actualización que recolle a reforma “faise con respecto ao IPC medio do ano, en lugar de ter en conta o IPC acumulado”. Explicaron que isto significa que, por exemplo, no ano 2021 as súas pensións tiveran unha perda do 4% de poder adquisitivo porque “se revalorizaron nun 2,5%, que foi a cifra do IPC medio de 2021, en lugar do 6,5%, que foi a porcentaxe do IPC acumulado ao peche do ano”.
O calote do goberno
Por iso denunciaron que “o mesmo goberno que nos fixo tragar con ese calote anunciou que a suba das pensións de cara ao 2023 será do entorno dun 8,5%”. Unha revisión que fan así porque calculan que o IPC medio do 2022 será aproximadamente desa cifra. “Mais se temos en conta que a inflación acumulada no mes de setembro foi dun 9%, agora mesmo estaríamos perdendo medio punto máis de poder adquisitivo”, advertiron. Iso se o IPC non volve subir cara final de ano, porque daquela “a diferenza e a perda de poder adquisitivo sería maior”.
Lembraron que, aínda por riba, as galegas e galegos teñen as segundas pensións máis baixas do estado, co que “esa perda do poder de compra supón termos cada día máis difícil afrontar os gastos dos produtos e servizos básicos para a vida diaria”, aseguraron.
Ante isto o colectivo de xubilados, xubiladas e pensionistas da CIG exixiu a revalorización das pensións conforme ao IPC acumulado a final de ano e a recuperación dos dereitos perdidos en canto ás pensións. Cuestión para que “é precisa, sen demora, a derrogación das reformas das pensións, empezando pola de 2011 e incluíndo a de 2021”, concluíron.