O colectivo de pensionistas da CIG reúnese cos grupos parlamentarios para demandar atención presencial
O colectivo de xubiladas/os e pensionistas da CIG reuniuse esta mañá cos grupos parlamentarios do BNG e do PSOE, e o pasado luns co do PP, para trasladarlles a súa demanda de atención presencial e solicitar que se poñan en marcha todas as medidas necesarias que eviten a súa exclusión dixital. O colectivo leva meses desenvolvendo unha campaña arredor desta cuestión e xa presentou na Valedora do Pobo máis de 6.000 escritos avalando as súas queixas.
Así, Xepe Torres, membro do colectivo, explicou aos grupos como administracións e empresas, coa escusa da pandemia, aceleraron de tal xeito o proceso de dixitalización e atención non presencial que “deixaron no camiño a boa parte da sociedade”.
Por iso trasladou a exixencia de xubilados/as e pensionistas de que, a carón da atención telemática, se garanta que haxa atención presencial axeitadas en todos os ámbitos e que a tramitación electrónica deixe de ser exclusiva na administración. Neste sentido, Torres incidiu en que “a dixitalización da administración debe ser para mellorar a atención á cidadanía, non para reducir persoal e centralizar servizos”.
Xunto a isto, o colectivo reiterou que “algo non funciona cando unha parte da sociedade queda no camiño da dixitalización” matizando que “estamos a favor das novas tecnoloxías pero, a atención dixital non pode ser exclusiva nin excluínte, debe ser complementaria da atención persoal”.
Para retratar a situación puxeron exemplos de casos en organismos como o INSS, na sanidade ou na banca que dan boa conta “da situación de exclusión dixital que sofren as persoas maiores no seu trato con administracións, empresas ou entidades financeiras”.
Ademais trasladaron a súa reclamación de que se recupere o persoal perdido nos últimos anos para manter unha atención presencial adecuada, a comezar pola sanidade e o INSS e, a continuar, polo resto das administracións, insistindo en que “a dixitalización non pode servir como coartada “para reducir persoal e empeorar a atención á cidadanía”.
O colectivo concluíu solicitando que as ferramentas informáticas que se están empregando sexan melloradas, máis áxiles e intuitivas. “Deben estar pensadas para o usuario, en primeiro lugar, e non como pasa agora, que están deseñadas no interese da administración”.