O colectivo de celadores/as do Salnés inicia protestas contra a privatización das súas funcións
O colectivo de celadoras/es do hospital comarcal do Salnés iniciou hoxe mobilizacións para amosar o seu rexeitamento á política de privatización das funcións propias da súa categoría laboral que está a levar a cabo a Xerencia da EOXI Pontevedra co amparo do Sergas. Nesta primeira xornada desenvolveron unha concentración ás portas do centro médico, onde despregaron unha faixa na que se podía ler “Celadores/as en loita. Non á discriminación”.
Dende o colectivo explican que a Xerencia deixou en mans de empresas privadas os postos de información e control de accesos ao hospital, funcións que son propias da categoría de celador/a, tal e como establece o Estatuto de Persoal Non Sanitario. “A privatización destes postos de traballo supón un incremento do gasto de diñeiro público e un menoscabo das nosas funcións”, denuncian.
Esixen que non se use o erario público para “untar” empresas privadas e favorecer intereses económicos particulares, cando a Administración ten traballadores/as “capacitados/as e facultados/as” para a realización das devanditas labores, como son as/os celadoras/es. “O diñeiro non é da Xunta nin do Sergas, é de todos/as os galegos/as, e a Administración ten o deber de xestionar e dar o mellor servizo posible co custe máis baixo”.
Por iso non entenden que se contrate unha empresa privada de seguridade para controlar os accesos de visitantes e usuarios/as ao hospital, “cando esta é unha función propia do celador/a, e sae moito máis barato que sexa realizada polo propio persoal do Sergas que por unha empresa privada externa”. O mesmo acontece co servizo de Información, tamén en mans privadas.
Escaseza de persoal
De igual xeito, poñen de manifesto as carencias que padecen no número de efectivos da categoría de celador/a para o desempeño das labores diarias, o que nos obriga a traballar en varios servizos durante a mesma quenda”.
Ao mesmo tempo, sinalan que o servizo de Quirófano queda descuberto todas as noites, ademais das fins de semana e festivos. “Ao seren habituais as cirurxías urxentes (recoñecida esta circunstancia pola propia Xerencia) ese traballo ten que ser asumido polos/as celadores/as do servizo de Urxencias”. Pero un servizo “tan imprevisible” na carga de traballo como é Urxencias non pode funcionar correctamente co persoal celador “baixo mínimos”.
Censuran o feito de que por mor da pandemia se lles “vendese” a contratación de 11 celadores/as como un reforzo. “Ese incremento non supón reforzo algún, pois é o cuadrante que consideramos debería ser habitual en condicións óptimas de traballo, non en medio dunha pandemia mundial. Non se nos pode estar ameazando continuamente con que en canto pase esta pandemia estes reforzos desaparecerían”.
Ante esta situación, reivindican facer todo o seu traballo, e facelo en condicións dignas para os usuarios/as e para os traballadores/as, e por iso reclaman:
-Adxudicación do control de accesos e servizo de Información á categoría de celador/a.
-Consolidación dos mal chamados “reforzos” como prazas estruturais de cuadrante.
-Realizar todas as funcións que pertencen á categoría de celador/a.
-Implantación urxente e inmediata dun segundo celador/a na quenda de mañá en H-2 e a presenza dun/ha celador/a en todas as quendas do servizo de Quirófano.
-Respecto para os celadores/as e boa xestión do diñeiro público.