O colectivo de brigadistas da Xunta mobilízase para exixir que remate a precariedade no servizo
Bombeiros e bombeiras forestais do SPDIF concentráronse esta mañá diante de Medio Rural, no edificio administrativo da Xunta de Galiza, para exixir que se remate coa precariedade no servizo público de extinción de incendios de Galiza e demandar a súa profesionalización. Denunciaron, ademais, que o anuncio realizado por Rueda foi “claramente electoralista” e que a administración que está constantemente paralizando as negociacións.
Neste sentido, a responsábel nacional da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos asegurou que o persoal segue a traballar como fixo descontinuo, só durante seis meses ao ano. Respecto do anuncio do Presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, afirmou que “non nos vale”, porque a pretensión é que ese incremento do tempo de traballo se faga en tres anos. “Entendemos que iso se pode facer xa, que se tiña que ter feito hai moito tempo”.
Burgos lembrou que a CIG presentoulle á Xunta un plan de reorganización do servizo “que tiña un custo de practicamente cero” e que levan máis de un ano e medio con mobilizacións e tratando de chegar a un acordo de condicións de traballo que asegure os dereitos laborais do persoal empregado público do sector de extinción de incendios forestais. Unha negociación que, denunciou, “paraliza constantemente a propia consellaría na mesa”.
Principais demandas
O persoal reclama, ademais de traballar todo o ano, rematar coa suspensión de dereitos imposta pola Xunta en 2012, porque non hai compensación por traballar festivos e domingos e vacacións reguladas. Denuncia os problemas de conciliación e que teñen que traballar todas as fins de semana seguidas. “Isto ten que estar regulado nun convenio que este persoal, a esta altura, non o ten, está sen dereitos laborais”, incidiu Burgos.
A responsábel nacional do sector da administración autonómica demandou tamén un servizo profesional público de extinción e de atención de multiemerxencioas no medio natural e rural. “É o que necesitamos en Galiza”, dixo e considerou que, para isto “o persoal ten que traballar todo o ano e ten que ser profesional”. Xunto a isto denunciou que ao persoal fixo descontinuo non se lle permite traballar no sector público o resto do tempo de inactividade do contrato.
O colectivo de bombeiros/as fortestais está conformado por preto de 1.200 brigadistas que traballan doce meses ao ano e máis de oitocentos que traballan unicamente seis meses ao ano. Denunciou que a crise dos péllets demostrou que a Xunta “prefire tirar de empresas antes de chamar ao seu propio persoal” e lembrou que nestes días o risco de incendios era cero, que “tiña ao persoal, tiña os medios, ao persoal espallado polo territorio e a capacidade de poder chamar e mobilizar, en apenas unhas horas, ao persoal da consellaría de Medio rural. Non o fixo, nin ao da consellaría de Medio Ambiente e moito menos aos bombeiros e bombeiras forestais que estaban no territorio e dispostos”.
Servizo multiemerxencias
Foi Xulio Saiáns , bombeiro forestal e traballador fixo descontinuo de seis meses quen partindo do seu caso persoal ilustrou a precariedade que padecen. Lembrou que, como persoal procedente de SEAGA, onde xa estaban precarizados, pasaron á administración en 2019 e denunciou que non se pode considerar profesional un servizo no que o persoal traballe só tres ou seis meses ao ano.
Explicou que como servizo de emerxencias traballan a quendas, en noites, domingos e feriados. Sinalou que comezaron a funcionarizalos e que carecen de acordo marco, que si teñen, por exemplo, os axentes forestais. Asegurou que levan dous anos tratando de negociar unha proposta, feita pola CIG partindo do V Convenio, para que non haxa esa diferenza entre funcionarios e laborais porque “ao cabo respondemos ás mesmas ordes de mando e traballamos no mesmo”. E denunciou que, “polo de agora, non temos ningunha resposta”.
Explicou que até o de agora “non podiamos traballar nin no sector público ou con capital público”, unha situación que se está modificando e considerou inxustas as condicións laborais deste colectivo porque somos un servizo de multiemerxencias que podería actuar “se hai nevadas, quitando a neve do rural; se hai unha crise, como agora dos péllets, podemos intervir; se hai unha treboada podemos retirar árbores caídas”. Considerou que, porén, “parece ser que non interesa, non sei se por aforro ou porque non se ten en mente”.
Por iso Zeltia Burgos concluíu exixindo que se reactiven as negociacións do acordo marco porque “é o momento de rematar con esta situación que é unha mostra de desleixo cara o seu propio persoal”.