O colectivo de axentes ambientais iniciará mobilizacións se non hai avances no cumprimento dos acordos asinados
Este xoves 6 de xullo estaba convocada en San Caetano unha asemblea de axentes ambientais para avaliar os incumprimentos do acordo de condicións de traballo asinado en 2018 despois dunha folga que durou varios meses. Esta asemblea fora convocada pola CIG a petición do propio colectivo de persoal. Porén, na véspera da xuntanza, a Xunta de Galiza vetou o acceso ao edificio administración de máis de 120 axentes ambientais, que finalmente tiveron que trasladarse a un salón da EGAP (Escola Galega de Administración Pública en Fontiñas) para poder realizar a asemblea.
Estas funcionarias e funcionarios públicos teñen horarios de 00 a 24 horas e tiveron que facer quendas para poder acudir dende toda Galiza á asemblea convocada, explica a secretaria nacional da CIG-Autonómica, Zeltia Burgos, quen considera que a cancelación da sala por parte da Xunta "foi un claro intento de desmobilización" ante os numerosos incumprimentos que acumula o Goberno galego dos acordos laborais alcanzados con este colectivo.
Na actualidade 543 axentes ambientais traballan nos distritos ambientais da dirección xeral de Patrimonio Natural (156) e na Consellería de Medio Rural nos distritos forestais (387), "pero de non se ter amortizado prazas e de ter cuberto todas as vacantes o numero sería maior".
Cunha alta porcentaxe de temporalidade, a necesidade de procesos selectivos foi unha das cuestións que máis se demandaron na asemblea. Preocupa tamén a intención da Consellería de Medio Rural de reordenación e división do persoal dos distritos forestais cun empeoramento das condicións laborais e do servizo público. A negativa da Xunta de convocar o grupo B e manter a rebaixa profesional foi outra das cuestións que centraron o debate.
As conclusións máis destacábeis foron:
- Convocatoria urxente de procesos selectivos (concurso-oposición) das 56 prazas das OEP 2020 e 2022, e oferta de todas as vacantes (máis de 130) contando tamén coas numerosas xubilacións. Tamén cómpre solución ás prazas non convocadas do C2 da oferta de estabilización da lei 20/2021 e as que negou por ser da DA8ª.
- Concurso de traslados, sen mobilidade dende hai máis de 10 anos.
- Negociación do regulamento da escala de axente técnico en xestión ambiental, tal como se comprometeu a Administración tras a sinatura de diversos acordos (un no ano 2016 e outro no ano 2018).
- Activar o grupo B, que é o que esta previsto na Lei de Emprego e no TREBEP para a titulación requirida da escala. O acordo de 2016 comprometía a Administración a que unha vez que reciclara a titulación o 40% do persoal, se convocaría o proceso de promoción interna. Esta porcentaxe esta máis que superada pero a Xunta segue incumprindo os seus acordos co escusa de que se necesita unha regulación específica do Goberno estatal cando noutras administracións non hai problema para aplicar o B.
- Necesidade de creación de prazas comprometidas pola Xunta e que viñan previstas nas medidas 26 e 27 do ditame do Parlamento Galego do ano 2017 con motivo da vaga de lumes e das que non creou ningunha.
- Rematar coa discriminación do persoal axente ambiental do AGACAL que traballa na EIF de Lourizán.
- Plan Formativo conxunto con acceso a todo o persoal da escala.
Mobilizacións se non hai avances
Sobre a pretensión manifestada por Medio Rural de división do persoal dos distritos forestais, apunta Burgos, concluíuse cun "non rotundo á división e un si á especialización". E advirte, "se a Administración non avanza nos compromisos adquiridos nos acordos asinados en 2016, 2017 e 2018, xa hai máis de 5 anos, ou vai adiante cunha división da escala con retrocesos laborais, vai ter conflito inmediato asegurado, e xa se estudan as primeiras accións de loita para o mes de setembro".