O Club do Mar despide 5 traballadores e traballadoras sen causa xustificada

A Coruña - 08 Feb 2023

O Club do Mar despediu o pasado luns, de maneira fulminante e sen causa xustificada, a cinco traballadores e traballadoras do servizo de recepción e técnico deportivo e, ao tempo, comunicou a modificación substancial das condicións laborais para o persoal de mantemento. Esta decisión supón afondar na política de despedimentos e acoso que está a levar adiante a Xunta Directiva dende que foi escollida hai ano e medio.

Esta nova equipa directiva entraba, supostamente, co obxectivo de reflotar o Club do Mar, mais neste tempo fóronse sucedendo os despedimentos, algúns deles declarados improcedentes nos xulgados, e iniciouse unha política laboral de acoso e derrube contra o persoal, materializado en actuacións tan pouco profesionais e infantís como retirar as cadeiras para que os monitores e monitoras non poidan sentar, agochar os ordenadores ou utilizar a súa posición como socios e socias do club para presionar o persoal.

A isto hai que sumar unha utilización retorcida do regulamento do convenio colectivo de instalacións deportivas para, por exemplo, forzar un traballador a coller unha excedencia con reserva de posto.

Con estes cinco despedimentos e a modificación das condicións de traballo do persoal de mantemento, a Xunta Directiva afonda nunhas prácticas que comprometen mesmo a continuidade do club. Pois, para a CIG-Servizos non hai dúbida que os despedimentos serán declarados improcedentes nos xulgados, xa que carecen de calquera xustificación obxectiva.

Neste senso, Rubén Duruelo, responsábel do sector de Deportes da CIG, chama a atención sobre o feito de que as rescisións se producen ao pouco de que o Concello da Coruña ingresara os 90.000 euros acordados coa entidade pola xestión da piscina "que agora se irán nas indemnizacións a estes cinco compañeiros e compañeiras".

Diante desta situación insostíbel, o comité xa lle solicitou unha reunión á Xunta Directiva e convocará asemblea de traballadores e traballadoras para acordar que accións desenvolver para exixir a readmisión do persoal despedido, garantías de continuidade do emprego e das condicións laborais, sen descartar ningunha medida de presión.