Continúan as protestas pola readmisión da empregada do hospital do Salnés despedida tras volver dunha baixa
A CIG continuou hoxe coas mobilizacións convocadas para esixir a readmisión dunha traballadora de Arcasa, concesionaria do servizo de cociña e cafetaría do hospital do Salnés, que foi despedida tras reincorporarse dunha baixa médica por enfermidade. Dende a central denuncian que a Xerencia da área sanitaria confirmou que non se vai implicar no conflito ao tratarse dunha cuestión laboral.
A empregada foi despedida por Arcasa como represalia por defender unhas condicións laborais dignas, tanto para ela como para o resto do persoal, polo que a CIG reclamará xudicialmente a nulidade da decisión. Pero a central optou tamén por darlle unha resposta sindical “porque non podemos permitir que unha traballadora sexa despedida por esixir os seus dereitos”.
Dende a CIG denuncian que a empresa non está a cubrir as baixas nin as reducións de xornada, sometendo ao seu persoal a unha sobrecarga de traballo “sobrenatural” e a uns ritmos de traballo “inasumíbeis”. De feito, na cociña traballan unicamente dúas persoas na actualidade, un/ha cociñeiro/a e un/ha axudante de cociña, que teñen que cociñar e empratar, e o axudante servir nas 80 habitacións que hai no hospital.
Isto require un triplo esforzo por parte do persoal, xa que ten que realizar o traballo das dúas persoas que faltan. Como consecuencia, estanse a producir atrasos no servizo de comidas e incumprimentos dos pregos de condicións da cafetaría, que obrigan a ter dúas persoas axudantes, e só hai unha. Esta situación foi posta en coñecemento da dirección do hospital do Salnés a través a xunta de persoal e da delegada sindical da CIG, sen que teña feito nada ao respecto.
Xuntanzas coa Xerencia e coa empresa
A central sindical mantivo a semana pasada unha xuntanza coa Xerencia da EOXI da área sanitaria para abordar o despedimento, “encontro no que nos confirmaron que non se van implicar no conflito ao tratarse dunha cuestión laboral”. De feito, ao único que se comprometeu a Xerencia foi a abrir unha investigación para comprobar se a empresa está a cumprir o prego de condicións do concurso de adxudicación do servizo.
Dende a CIG entenden que o Sergas si ten que tomar cartas no asunto como responsábel de velar pola calidade deste servizo público, “que pasa tamén polo respecto aos dereitos dos traballadores/as e por garantir que conten cunhas condicións laborais dignas”. Condicións que segundo critica non se están a cumprir, xa que a falta de persoal impide a correcta prestación do servizo, “o que está a afectar negativamente tanto a pacientes e usuarios/as como aos propios/as empregados/as”.
Ademais, no día de onte mantiveron unha reunión con Arcasa para tratar o despido e outras cuestións laborais como a elaboración do cuadrante de 2022. “Din que a decisión non é unha represalia e aseguran que a traballadora foi despedida por unha cuestión económica; sosteñen que o servizo non é rendíbel e que lles sobra persoal, ao que nós lles respondemos que é unha problemática que deberan abordar co Sergas, xa que no seu día aceptaron as condicións do concurso e non pode ser que agora os traballadores/as paguen as consecuencias”.
Mais segundo lamentan na CIG a empresa confirmoulles que non vai dar marcha atrás na decisión, aínda que se amosou disposta a “darlle unha volta” para achegar unha proposta “que aínda non nos trasladaron”. Mentres tanto a central sindical estuda iniciar unha campaña de información entre os pacientes e os usuarios/as da cociña e da cafetaría para coñezan o estado no que se atopa o servizo, así como continuar coas protestas como a levada a cabo hoxe diante do hospital do Salnés.