O centro de saúde de Chantada conta con só dous facultativos de seis para atender máis de 8000 pacientes
A sección sindical da CIG no hospital público de Monforte alerta sobre o que está a acontecer no centro de saúde de Chantada, que dende hai meses conta unicamente con tres facultativos traballando dos seis que integran o cadro de persoal. Mais a situación empeorou durante o verán, até o punto de que só están operativos/as dous médicos para atender cupos de máis de 8000 pacientes.
Dende a CIG-Saúde sinalan que a isto hai que sumarlle todos os pacientes desprazados que hai na localidade, o que fai que aínda se incremente máis a presión asistencial. “Esta situación tan caótica de tantos meses fixo que o Punto de Atención Continuada incrementase o número de pacientes atendidos por día se o comparamos co ano 2022 nas mesmas datas. Porque os pacientes non teñen médico/a por estar ausente e as listas de espera son longas, o que fai que acudan ao PAC”.
Pero se isto fose pouco, onte mesmo había dous médicos/as no centro de saúde en quenda de mañá, e un deles/as tivo que coller a baixa. Ao que hai que sumar que o Servizo de Atención Primaria de Chantada non conta con pediatría estes días.
Segundo indican, a solución adoptada pola Dirección de Atención Primaria da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos foi deixar un médico/a do cadro de persoal e traer outro/a a maiores para hoxe. “Estes/as dous médicos/as de familia só van atender urxencias, e as axendas de todos os profesionais facultativos foron anuladas”.
Neste senso, lembran nestas datas celébrase en Chantada a Romaría do Faro, o que fai que aínda haxa máis poboación no municipio. “En Carballedo a situación non é moito mellor, xa que dende xaneiro deste ano de dous médicos/as só hai un que atende aos dous cupos”.
Esperas de 15 días para cita ordinaria
Ao mesmo tempo, inciden en que no mes de maio o Sergas implantou en todos os centros de saúde do Distrito de Monforte, e en todos os centros de Galiza que non o tiñan, o programa XIDE, “que lonxe de axudar a xestionar a demanda das citas o que fixo foi empeorar a situación (o programa está mal deseñado e o que fai é aumentar as citas no día e inmediatas que dá o persoal non sanitario dos centros de saúde)”.
De xeito que o programa xera moitas urxencias innecesarias no día, desbordando os centros, e cousas que teñen que ser vistas no día teñan que agardar á primeira cita libre. En consecuencia, para evitar as listas de espera os pacientes acuden aos PAC do noso Distrito ou a Urxencias do hospital. “Só hai que ir aos Puntos de Atención Continuada da Zona Sur de Lugo e ao hospital de Monforte e ver salas ateigadas de xente”.
A situación dos centros de saúde do Distrito da Zona Sur de Lugo “é máis do mesmo porque non dan atendido os pacientes por estar a mínimos de persoal, mentres a Xerencia non cobre as ausencias”. Como exemplo, sosteñen que unha cita ordinaria no centro de saúde de Monforte pode ter unha lista de espera de 15 días.